Este xoves en San Sadurniño se convida á veciñanza a homenaxear a Rosalía de Castro

Neste 2023 faise o 186º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, nai das nosas letras e unha das grandes referencias históricas e culturais do noso país. Ademais tamén se fan os 160 anos da publicación dos seus “Cantares Gallegos”, primeiro libro integramente en galego que marca o inicio do Rexurdimento da nosa lingua para a literatura. 

Desde o Concello de San Sadurniño váiselle render homenaxe cun acto que terá lugar na mañá deste xoves 23 de febreiro, data do aniversario, que se acompañará da proposta creativa “Letras e cores para Rosalía”.

A iniciativa convida a toda a veciñanza a escribir poemas, frases ou calquera outro texto que se lle queira dedicar á escritora, ademais de darlle cor a unha lámina deseñada polo artista Juanlu Nacha.

Para iso imprimíronse varios centos de follas se poden recoller desde hai varios días na Casa do Concello, na Casa da Cultura e na Biblioteca Municipal. Haberá que devolvelas escritas e/ou coloreadas este mércores 22 como moi tarde para expoñelas o xoves cadrando co acto central de tributo á escritora. 

Na parte do folleto de “Unhas letras para Rosalía” pódese escribir un poema, unhas liñas sobre o que significa Rosalía, o que se lle diría se se tivese oportunidade de coñecela… o que se queira. Do que se trata é de escribir algo dela ou para ela, con total liberdade e con dúas únicas condicións: que sexa en galego e sen sobrepasar o espazo dispoñible na folla.

Na páxina dedicada a “Unhas cores para Rosalía” vai un debuxo da autora deseñado en liñas polo artista gráfico Juanlu Nacha con idea de que sexa a veciñanza quen lle dea cor. Hai liberdade para utilizar calquera material (lapis de cores, rotuladores, ceras, témperas, acuarelas, etc) e incluso se poden combinar distintas técnicas botándolle imaxinación para vestir de cor a Rosalía.

Unha vez que se teña escrito o texto e/ou coloreado o debuxo (pódese facer só unha das dúas opcións), haberá que entregar as obras na Casa da Cultura, na Biblioteca Municipal ou no Rexistro do Concello. Hai de prazo até as 14:00h deste mércores 22 de febreiro e é improtante anotar o  nome e un teléfono para que a concellaría de Cultura poida contactar coas autoras e autores no caso de que resulten agraciados con algún dos agasallos que se sortearán o xoves pola mañá (cuncas, cadros e outro material relacionado coa escritora).

Sumádevos á homenaxe!
Cadrando co día do aniversario de Rosalía, o xoves 23 de febreiro o Concello organiza un acto que comezará ás 11:00h na Casa da Cultura combinando a música e a lectura de poemas, tanto pertencentes á súa obra como aqueloutros que as persoas participantes lle queiran dedicar.

Cultura anima atoda a veciñanza a sumarse á celebración, á que tamén asistirán as escolas musicais municipais para botarlle unhas pezas, rematando todos xuntos coa versión de Uxía Senlle de “A Rosalía (No bico un cantar)”, musicada orixinalmente por Luís Emilio Batallán sobre un poema de Manuel Curros Enríquez. Di así:

Do mar pola orela mireina pasar
Na frente unha estrela, no bico un cantar
 
E vina tan soia na noite sen fin
¡que inda recei pola probe da tola
Eu, que non teño quen rece por min!
 
A musa dos pobos que vin pasar eu
Comesta dos lobos, comesta morreu
Os ósos son dela que vades gardar
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
Do mar pola orela mireina pasar
Na frente unha estrela, no bico un cantar
 
E vina tan soia na noite sen fin
¡Que inda recei pola probe da tola
Eu, que non teño quen rece por min!
 
A musa dos pobos que vin pasar eu
Comesta dos lobos, comesta morreu
Os ósos son dela que vades gardar
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!
 
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai das que levan no bico un cantar!

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …