O programa municipal “As mulleres nas artes” trae a Neda o espectáculo “O Candil”

O Concello de Neda conmemorará o Día Internacional da Muller co espectáculo musical “O Candil”, da Escola Galega de Teatro Musical.

Unha función incluída no programa “As mulleres nas artes” programada para este venres 10 de marzo ás 20:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura. As entradas están á venda na Biblioteca, en horario de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, ao prezo único de 2 euros. Tamén poden reservarse chamando ó número 981 39 02 33 neses mesmos horarios.

Dirixida por Rosa Puga e interpretada por Sara Fandiño, Lucía Sá, Iria Lamas, Klaus Martínez e Lucas López, “O Candil” é unha comedia musical interactiva, baseada nas historias do noso cancioneiro. Nela, os conflitos morais, políticos, ideolóxicos e relixiosos, revolucionan Europa tras o fin da Gran Guerra, e condicionan a vida das tres mulleres protagonistas, que teñen pensamentos moi distintos e tratan de buscar un lugar puro e cordial que ocupar no mundo, cómpre dicir que sen ningún éxito.

A temática central é así, a busca do propio ser ante os momentos de confusión e cambio da mentalidade global. Neste atrevido novembro de 1919, os espectadores poderán acudir á festa clandestina organizada pola Lavandeira, cupletista de pouca fama, encargada do coidado do Pavillón Lino.

Todos pertencen á Irmandade Coruñesa, que celebra o seu éxito de afiliación, e todos veranse na obriga de participar do humor do espectáculo: cantando, bailando e desempeñando as distintas tarefas que a mestra de cerimonias lles encomende.

A función chega a Neda da man da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

Lea también

As Pontes renova os convenios con Aspanaes e a Residencia A Magdalena

O Concello das Pontes renovou este lunes 22 os convenios de colaboración con Aspanaes e …