Novo curso de operador de ponte guindastre do Concello de Narón.

O Concello de Narón abrirá este martes, día 14 de marzo,  ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de Operador de ponte guindastre, cun total de doce prazas. A edil de Formación, Natalia Hermida, anunciou que esta acción formativa, do programa municipal financiado integramente con recursos do Concello, se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Narón poderán acceder as doutros concellos.

O período para inscribirse permanecerá aberto ata o 20 de marzo ás 13.30 horas. Hermida explicou que este curso terá unha duración total de 55 horas e que as datas previstas do mesmo son do 27 de marzo ao 13 de abril. As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 27 ao 30 de marzo e do 10 ao 13 de abril e nas instalacións da empresa adxudicataria, ubicadas no polígono de Río do Pozo, do 31 de marzo ao 5 de abril. O horario previsto do curso é de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

Tipos de guindastres, normas fundamentais de uso dos pontes guindastre, manexo de cargas con pontes guindastre, mantemento e verificación, sinalización, sinais acústicos e xestos codificados, cables e tambores de enrolamento, riscos específicos e medidas preventivas, proteccións colectivas e equipos de protección individual, forman parte dos contidos teóricos, entre outros.

Na parte práctica abordaranse o manexo da ponte guindastre, comprobación e verificación de dispositivos de seguridade, manipulación de diferentes tipos de cargas e módulos transversais de Medio Ambiente, orientación laboral e busca de emprego e igualdade de xénero.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.

Para recibir máis información pode consultarse a páxina web do Concello de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …