Moeche acollerá en 2024 a primeira Feira de queixos artesanais de España

Imaxe do recinto Ferial durante a V Feira do Queixo de Moeche.

O concello de Moeche viviu na xornada deste domingo 26 de marzo un regreso da Feira do Queixo por todo o alto. Despois de tres anos de parón por causa da pandemia, a cita celebrou a súa quinta edición na compaña do bo tempo e dunha afluencia constante de público desde media mañá que superou as mellores expectativas en canto a asistencia e, segundo as queixarías, tamén en canto a vendas.

Tal foi así que o Tren do Queixo veu desde Ferrol cheo de xente -mesmo fixo falta fletar un bus máis grande para trasladala desde a estación até o recinto feiral-, completáronse rapidamente as reservas para as catas comentadas e as visitas guiadas á Fusquenlla e ao castelo foron todo un éxito. A Feira do Queixo confirmouse  como un dos eventos de referencia do sector en Galicia e no norte do Estado, ademais de consolidarse como escaparate da calidade e da variedade como claves do seu futuro. 

A alcaldesa de Moeche Beatriz Bascoy reiterou que a feira «está consolidada e vai a máis» e, neste sentido, anunciou que o evento acollerá en 2024 a I Feira de Queixos artesanais de España organizada por QUERED , Rede Española de Queixarías de Campo e Artesanas.  que agrupa neste momento a preto de 200 queixarías de campo e artesás.

O colectivo propuxo o nome de Moeche na súa asemblea celebrada en Cáceres a principios de marzo e onte mesmo, aproveitando o encontro profesional de queixarías que tivo lugar na nave do Mercado a primeira hora da tarde, comunicóuselle oficialmente aos expositores participantes na V Feira do Queixo, co obxectivo de iniciar os preparativos dun encontro que reunirá en San Ramón «un grande número de queixarías de toda España», avanzou a alcaldesa.

Beatriz Bascoy expresou a súa satisfacción porque o concello «sexa anfitrión, coincidindo coa VI Feira do Queixo, da primeira cita sectorial promovida pola asociación de pequenas queixarías máis importante do Estado. Para nós é unha honra e un recoñecemento ao traballo que estamos facendo desde Moeche apostando polo queixo como un produto estratéxico para o rural»

A rexedora tamén comentou, porén, que recibir a I Feira de Queixos artesanais de España «vai supoñer tamén unha grande responsabilidade e un reto que nos obrigará a traballar duro nos próximos 365 días buscando apoio loxístico e económico». «Vai ser unha grande oportunidade para promocionar o noso territorio e os nosos queixos que, estou segura, imos organizar con éxito gracias á axuda das queixarías locais, das asociacións e das persoas que nos últimos anos levan apostado tanto pola nosa feira», asegurou a alcaldesa.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …