Ábrese o prazo para presentar candidaturas ao VIII Premio José Couso de Libertade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu a presentación da VIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’, que este ano se incorpora ao certame.

O Presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, anunciou a apertura do prazo de presentación de candidatos. Ata o 20 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 23 de marzo. O 26 de abril darase a coñecer o fallo do xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa, e o 9 de maio terá lugar o acto de entrega en Ferrol, que un ano máis contará coa Real Filharmonía de Galicia.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol cedeulle a palabra a Ignacio Pascual Reparaz, responsable de Institucións de ‘la Caixa’ na Coruña, novo colaborador do Premio José Couso, quen dixo sentirse agradecido pola confianza que o Colexio e o Club de Prensa depositan na entidade. «Na Obra Social ‘la Caixa’ cremos firmemente en que o coñecemento contribúe tamén ao desenvolvemento persoal dos cidadáns e en consecuencia a aumentar a cohesión social. Sen liberdade de prensa non é posible alcanzar nada disto», declarou.

O acto pechouno o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, quen celebrou a continuidade do premio, que xa vai pola súa oitava edición, algo especialmente importante «nunhas circunstancias nas que ademais de reivindicar a liberdade de prensa contra os ataques aos profesionais da comunicación en todo o mundo, tamén hai que reivindicala contra a crise que estamos vivindo aquí». Neste sentido, destacou que «se os profesionais están mal pagados e cada vez teñen máis carga de traballo e menos medios, será toda a sociedade quen vexa afectado o seu dereito a unha información veraz e contrastada»..

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …