O Concello de Neda anima ás persoas maiores a solicitar o servizo de teleasistencia

A concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Leonor Canosa, informou de que un total de 25 veciños e veciñas da localidade están inscritos na actualidade no servizo de teleasistencia. Un servizo dirixido ás persoas maiores que pretende mellorar a súa calidade de vida e, sobre todo, facilitar a súa permanencia no fogar, levando a cabo unha vida o máis autónoma posible. Así, Leonor Canosa animou aos maiores do municipio a acollerse ao programa.

Para isto, tan só deben acudir á Oficina Municipal de Servizos Sociais e solicitalo. O horario é de 9 a 14 horas, luns, martes, xoves e venres.
Fundamentalmente, o servizo de teleasistencia facilita un colar ou pulseira ao usuario. Este elemento conta cun dispositivo electrónico que conecta cunha centraliña telefónica. Así, en caso de sentir unha indisposición ou percance, como unha caída, tan só ten que púlsalo para dar a voz de alarma. Recibirá unha chamada que, en caso de non ser atendida, derivará nas xestións necesarias para o desprazamento dun equipo médico ou ambulancia.

O servizo é gratuíto para os usuarios, aínda que para certas pensións pode supor un desembolso de entre cinco e dez euros ao mes. O Concello tramita a solicitude a través da Deputación Provincial da Coruña cando se trata de persoas maiores de 65 anos e da Xunta de Galicia para aquelas valoradas como dependentes. Así mesmo, o servizo leva a cabo controis quincenais rutinarios para asegurarse de que o usuario se atopa en perfectas condicións.

Doutra banda, Leonor Canosa tamén lembrou ás persoas con mobilidade reducida que poden recurrir ao servizo de transporte adaptado do 065. Ao igual que o anterior, deben solicitalo tamén na Oficina Municipal de Servizos Sociais. Coa antelación necesaria e unha vez aprobado para o usuario, permitiralle o seu traslado ao centro ou instalacións médicas ou incluso aos centros de día.

Lea también

San Sadurniño dispón dunha nova canle de Whatsapp

Un medio de información que vén sumarse ás distintas plataformas municipais coa finalidade de que …