Máis de 60 profesionais debatiron os modelos de xestión do voluntariado

O IV Foro Galego de Solidariedade que organiza a Consellería de Traballo e Benestar  celebrouse en Ferrol baixo o lema ‘A xestión da acción voluntaria’. Máis de 60 profesionais vinculadas á xestión do voluntariado, tanto de concellos como de entidades sociais como Cruz Vermella, Cogami ou Aspronaga, debatiron sobre os modelos de xestión do voluntariado.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou  nesta iniciativa, onde destacou que o obxectivo principal desta actividade é converter estes debates “nun espazo de encontro e interacción dos axentes de participación social e voluntariado de Galicia” para estimular a reflexión e o debate para achegar conclusións compartidas sobre aspectos cruciais para o desenvolvemento das entidades de acción social e solidarias de Galicia.

A dinamización da cuarta edición deste foro foi realizada por un grupo composto por técnicos e coordinadores de voluntariado de entidades locais de Galicia, polo que os aspectos de xestión da acción voluntaria orientarase a reflexionar sobre o papel que están a xogar as entidades locais de Galicia na dinamización da acción voluntaria.

Rodeiro indicou que esta iniciativa enmárcase na liña estratéxica de sensibilización do III Plan Galego de Acción Voluntaria, un documento que a Consellería de Traballo e Benestar consensuou co sector para mellorar a situación actual das persoas voluntarias da Comunidade autónoma, así como para definir o seu futuro.

O ciclo destes debates rematará este año coa celebración o 15 de novembro na Coruña do foro ‘A contribución social do terceiro sector’ e o 13 de decembro en Santiago coa actividade titulada ‘O traballo na rede no ámbito da solidariedade e a sustentabilidade das entidades do terceiro sector’. O foro de Ferrol toma o relevo aos celebrados en meses pasados en Ourense, Vigo e Lugo. Como resultado deste traballo participativo, publicarase un documento que achegue ás entidades de acción voluntaria, os resultados e conclusións obtidos nos distintos foros celebrados.

Lea también

Avance en la mejora de la prestación de asistencia jurídica gratuita

La Xunta y el Consello da Avogacía Galega han pactado nuevas mejoras en la prestación …