Galicia tal como é

Miguel Ángel Pazos (*)

Cando o outro día vin os resultados das eleccións galegas, veume a cabeza o que un compañeiro de Xuventudes Socialistas dixérame hai catro anos, cando Feijóo chegou a Xunta. “Galicia está cheo de fachas”. No seu momento non lle din demasiada importancia a tal afirmación, pero o paso do tempo pon de manifesto os problemas que ten un partido coma o PSdeG para conectar cunha sociedade como é a galega.

Porque os problemas que ten o Partido Socialista non son de agora. Soamente o espexismo dun goberno bipartito fixo que o PP non gobernara nos últimos 20 anos. E iso tamén hai que miralo. Mirar a incapacidade para conectar cun electorado tan amplo como é o galego.

Así, tamén o BNG ten que facer a súa autocrítica e reflexionar sobre por qué máis da metade do nacionalismo galego agora estará representado polo mesmo Beiras que fundou o BNG no seu momento. A tarefa non é fácil, mais se pode conseguir.

Volvendo ao inicio, facer esa afirmación é claramente descoñecer como é a sociedade galega no seu conxunto. Unha sociedade con claras diferencias entre urbe e rural, e que está contenta de falar nas dúas linguas indistintamente. Desde o principio, Fraga soubo aglutinar a homes urbanitas e rurais nun proxecto dinamizador, cunha característica galeguista predominante. De aí ven a famosa expresión “boinas e birretes” para falar do PP rural e galeguista e do PP “moderno”e urbanita, respectivamente.

Porque a xente que vota ao PP non son“fachas”, senón xente que fala predominantemente o galego e que se sinte ben orgulloso de selo. Unha tarefa que fixo Fraga no seu momento e que Feijóo está a conservar cómodamente, á vez que se abre a sociedade co fin de conseguir un PPdeG máis moderno e aberto.

Tampouco hai que esquecer que o PP ten que mirar moi ben a súa perda de votantes, aínda que se vexa como algo normal na situación actual dada a baixa participación por mor do descontento e da crise económica. Como xa dixen anteriormente, todos teñen que facer autocrítica, pero principalmente aqueles partidos que non son capaces de recoller esa “indignación” ou descontento co goberno actual.

Está claro que os problemas da oposición non se arranxan en dous días, pero sí que teñen que arranxarse se queren volver a ser alternativa de goberno sólida e se o queren transmitir así aos cidadáns deste país. O problema non é de agora. O problema ven desde o momento en que a oposición non aspira a querer Galicia tal cal é, senón a debuxar unha Galicia á imaxe e semexanza do que a eles lles gustaría que fora, estando, polo tanto, alonxados da realidade deste país.

(*)-Miguel Ángel Pazos es presidente de NN-GG. de Narón

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …