Os máis pequenos de Ares desfilarán disfrazados o próximo venres

Concello de Ares

Os pequenos e pequenas da escola infantil da rede A galiña azul e da ludoteca municipal protagonizarán o venres, día 24, un “Gran desfile de Entroido”. Este ano, os nenos e nenas, acompañados de profesores, persoal municipal e nais e pais, participarán nun desfile que leva o título de “A fraga de Ares”, en relación á temática dos disfraces que confeccionaron para a ocasión.

O percorrido, para o que contarán coa colaboración da comparsa Parchís, comezará na escola infantil, ás 16.30 horas, para seguir pola praza da Igrexa en dirección ao Consistorio.

Por outra banda, o mércores 22 terán lugar os actos principais do Entroido do Concello de Ares, cunha festa que comezará ás cinco cun desfile que nesta ocasión estará formado polas carrozas e os entroidos, cos que colabora, un ano máis, a Asociación Cultural O Tilo, e as dúas bandas de gaitas locais.

Ás 17.30 horas, despois de pasar polas principais rúas da vila –sairán da Porta do Sol-, os entroidos concentraranse na praza da Igrexa, na que haberá música ambiental. A partires das seis da tarde repartirase chocolate e orellas entre os asistentes –un euro por ración-, estando previsto o fin de festa para as 19.30 coa queima de todos os entroidos na praia da vila.

En caso de choiva, a festa trasladarase ao patio cuberto do CPI Conde de Fenosa.

Lea también

A mocidade aresá pedalea para explorar a súa contorna natural

Estudantado de primaria e secundaria do CPI As Mirandas participou este martes e xoves na …