«Domingos a Escena» 2013 contempla un total de 35 representacións de teatro

O Concello de Ferrol destina      26.000 euros á celebración deste programa de teatro afeccionado, que      mantén como sede o Centro Cívico de Caranza.

 

O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, deu conta hoxe aos grupos municipais na comisión informativa da área das novas bases para a participación no Ciclo Domingos a Escena 2013. Unha proposta de teatro afeccionado que ten por obxecto contribuír a potenciar, desenvolver e estender a afección ao teatro e que conta cun orzamento de 26.000 euros, o que supón unha redución de ao redor do 60% en gastos de produción con respecto á edición de 2011, a última organizada no anterior cuadrienio.

 

García Hurtado explicou que as bases de Domingos a Escena para o vindeiro ano contemplan a realización de 35 obras de teatro durante todo 2013. Deste xeito, o salón de actos do Centro Cívico de Caranza ofrecerá unha cita co teatro non profesional todos os domingos, de maneira gratuíta e a partir das 19.00 horas –agás os meses de xuño, xullo, agosto e primeiras dúas semanas de setembro en que o ciclo se interrompe, como vén acontecendo dende edicións anteriores-. “O numero representacións que contén Domingos a Escena converten a este ciclo nun dos máis importantes de Galicia”, dixo o titular de Cultura.

 

Outra novidade de Domingos a Escena para o ano 2013 é o feito de que, tras varias edicións de ausencia, volve a colaborar coa Concellería de Cultura nesta iniciativa a Federación Galega de Teatro Afeccionado. Así, esta federación ten programadas para a vindeira temporada no Centro Cívico de Caranza catro representacións, cos seguintes títulos: “Pezas para dous actores” (24/02/2013); “Visións dun cego” (03/03/2013); “A herdanza da nai” (10/03/2013) e “O progreso imparable da estupidez” (17/03/2013).

 

Requisitos para participar no ciclo

 

En canto ao contido das novas bases do ciclo propiamente dito, estas recollen que a participación no mesmo está aberta a todos os grupos de teatro afeccionado de ámbito autonómico. No caso de que estes formar parte do cartel de Domingos a Escena dende o 13 de xaneiro  e no mes de febreiro deberán remitir a documentación requerida no prazo de dez días naturaias dende a publicación das bases na páxina web do Concello de Ferrol: www.ferrol.es. As actuacións terán lugar tódolos domingos no Centro Cívico de Caranza entre xaneiro e maio de 2013, e entre o día 15 de setembro ata o 29 de decembro de 2013. Cada grupo participante recibirá 500 euros brutos.

 

Os grupos que opten a participar no ciclo deberán  presentar o formulario de inscrición e acompañalo da seguinte documentación: Fotocopia do CIF e do documento de exención do IVE; certificado de estar ao corrente do pagamento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social; autorización da SGAE para o caso de que a obra non sexa orixinal do grupo de teatro; DVD, fotografía promocional, ficha técnica e artística e sinopse da obra; historial da compañía ou grupo; nome, apelidos, teléfono e correo electrónico da persoa responsable do grupo e certificado bancario da conta da compañía teatral, onde se fará o pagamento.

 

 

 

 

Lea también

Sale a licitación en Ferrol la mejora del firme de varios caminos del POS+

La plataforma de Contratación del Sector público recoge este jueves 25 la licitación del aglomerado …