Incautadas na última semana 1.188 artes e comisados preto de 2 toneladas de varias especies, en operativos contra o furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, incautáronse de 1.188 útiles de pesca e comisaron preto de 2 toneladas de diversas especies en distintos operativos realizados polo litoral de Galicia entre o 13 e a madrugada do 19 de decembro. Gran parte do material incautado e das especies comisadas pertencen aos operativos realizados en Marín e na Ría de Muros e Noia.

En Marín, os gardacostas xunto con axentes da Garda Civil levaron a cabo un operativo desenvolto na estrada, no traxecto Bueu-Marín, onde incautaron un vehículo e comisaron 1.019 quilos de diversas especies por documentación irregular. Entre estas cabe destacar o comiso de 546 quilos de rapante, 140 de rubio e máis de 100 quilos de peixe sapo que non figuraban na declaración de desembarque. Gran parte das especies comisadas foron repartidas en diversos centros benéficos. Noutro operativo que tivo lugar na Ría de Pontevedra, os axentes incautaron 160 nasas de polbo e nécora e 22 quilos de ámbalas dúas especies.

Na Ría de Muros e Noia, os axentes do servizo de Gardacostas fixéronse cun total de 712 artes, dos cales 664 eran cacharros de polbo (arte non regulada no decreto de artes e aparellos e polo tanto prohibida) e 47 nasas que estaban sen identificar. Ademais comisáronse 105 quilos de varias especies, na súa gran maioría de polbo.

Na ría de Ferrol requisáronse 28 aparellos e 283 quilos, dos cales priman 99 quilos de polbo e 80 de vieira. Nas inspeccións realizadas na Ría da Coruña, destacan as 200 artes incautadas (das cales 100 se correspondían a nasas de ferro tipo polbo e 40 de madeira tipo nécora) e os 171,8 quilos comisados en diversas inspeccións.

No tocante á Ría de Arousa, os gardacostas requisaron 7 artes, destacando un vehículo, e comisaron 327 quilos de varias especies, dos cales máis de 200 quilos eran de vieira.

Finalmente, a Ría de Vigo tamén foi escenario de actuacións que tiveron como resultado a aprehensión de 30 pezas de miño e 50 nasas para polbo e comisados 57 quilos entre raia, lumbrigante, sargos, centola, polbo e carioca.

Lea también

Avance en la mejora de la prestación de asistencia jurídica gratuita

La Xunta y el Consello da Avogacía Galega han pactado nuevas mejoras en la prestación …