O sector hosteleiro pon en marcha a ruta do pincho “En Nadal, móvete por Neda”

A Casa das Palmeiras foi escenario da presentación da ruta do pincho «En Nadal, móvete por Neda», impulsada polo sector hosteleiro da real vila co apoio do Concello. A iniciativa arrancará o próximo sábado, 1 de decembro, e na mesma participarán doce negocios da localidade: Bar Río, Taberna O Carreiro, Bar Hermida, Bar Canteira, Mesón O Fumazo, Bar A Pía, Bar Graña, Bar O Puntal, Cervecería O Lagar, Mesón de Toni, Mesón Ourra e Casa Arrive. Os clientes que acudan aos establecementos deberán cubrir unha cartilla e, unha vez completada, entrarán no sorteo dunha estancia de fin de semana para dúas persoas nunha casa rural e visita e cata ás Bodegas Lagar da Costa nunha data a concretar polo gañador do agasallo.

A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, e os representantes dos locais hosteleiros coincidiron nos obxetivos desta cita: animar á veciñanza a saír da casa e disfrutar de momentos de ocio na hostelería de Neda e atraer á xente de fóra, dinamizando a economía local. Os horarios de degustación dos pinchos, completamente gratuítos, serán de luns a domingo de 12 a 15 e de 19 a 22 horas ata o próximo 23 de decembro.

«En Nadal, móvete por Neda» será a segunda ruta do pincho da real vila de Neda, dando continuidade á celebrada con motivo da Festa do Pan baixo a denominación «Mellor… con pan de Neda». Deste xeito e nestes locais, veciños e visitantes poderán saborear unha variedade de pinchos que constituirán á súa vez un novo reclamo para que os clientes se acheguen a estes establecementos. Así mesmo, os hosteleiros avanzaron que o nome do gañador ou gañadora darase a coñecer no marco dun partido benéfico que organizará a S.D. Neda no campo municipal. Pendente de confirmar o equipo rival, a recadación da taquilla destinarase á Cociña Económica.

Lea también

San Sadurniño dispón dunha nova canle de Whatsapp

Un medio de información que vén sumarse ás distintas plataformas municipais coa finalidade de que …