O Concello retoma a ruta de turismo industrial na ponte da Constitución e en Nadal

A Concellería de Turismo, que dirixe Diego Calvo Pouso, recorda que esta ponte da Constitución as persoas da cidade e visitantes poderán percorrer de novo o complexo naval e militar da ría. O Concello de Ferrol retoma para os días 6 e 9 de decembro a Ruta da Construción Naval, a primeira de turismo industrial do municipio e que permite dar a coñecer o valor histórico, patrimonial e tecnolóxico que conteñen as instalacións do Arsenal e do estaleiro de Navantia.

 Horarios de visita

O horario das visitas nestas dúas xornadas será o habitual: o Arsenal Militar, ás 10.30 horas; e Navantia, en city-tren,con saída ás 11:50 horas da praza de Galicia –diante do Teatro Jofre-. O prezo por cada visita é de 4 euros. Aquelas persoas que estean interesadas en facer as visitas do día 6 de decembro deberán presentarse na mesma con antelación para dar os seus datos (nome e DNI) e pagar a entrada. Tamén existe a posibilidade de facer a inscrición previa por teléfono, chamando ao número: 619 177 402.

Así mesmo, dende a Concellería de Turismo infórmase de que a Ruta da Construción Naval tamén estará operativa coincidindo cos datas de Nadal. En concreto, os días: 22, 23, 29 e 30 de decembro; e 5 de xaneiro.

Éxito de participantes

A Ruta da Construción Naval, o primeiro itinerario de carácter industrial co que conta o Concello de Ferrol, está a espertar un grande interese por parte de visitantes e os propios veciños e veciñas da cidade. Na pasada ponte do Pilar –días 12, 13 e 14 de outubro- foi a última ocasión até a data en que a Concellería de Turismo recuperou esta ruta polos estaleiros e o Arsenal, facendo o percorrido un total de 125 persoas. Respecto aos participantes neste itinerario, ademais de xente de Ferrol e doutros concellos da comarca realizaron esta ruta persoas de diferentes puntos de España como Navarra, Andalucía, Asturias, País Vasco e Galicia. En canto ao perfil medio, este correspondeuse con parellas de mediana idade e familias con avós e nenos incluídos.

 Retomando a ruta

O edil Diego Calvo explicou que o Concello retoma a Ruta da Construción Naval para a ponte da Constitución e para Nadal co obxectivo de que tanto os ferroláns como as persoas que visiten a cidade nesas datas poidan seguir coñecendo o complexo naval e militar da nosa ría. E ao fío disto, hai que salientar que ao número de visitantes que fan este percorrido nestas datas festivas que coinciden con “pontes”, hai que sumar os que o fixeron durante a pasada temporada estival: un total de 1.726 participantes. Isto significa que as visitas guiadas ao Arsenal Militar e ao estaleiro de Navantia puxeron o cartel de “completo” en case todas as datas de verán.

Visitas por libre

Así mesmo, hai que lembrar que durante a tempada estival existiu a posibilidade de realizar visitas por libre a outros elementos da Ruta da Construción Naval, obtendo tamén un notable éxito. A este respecto, máis de 6.000 persoas se achegaron a desfrutar da localización incomparable do Castelo de San Felipe; 3.000 coñeceron polo miúdo o Museo Naval de Ferrol e outras 3.000 seguiron en Exponav o perfeccionamento da construción naval desde as súas orixes ata os nosos días. En definitiva, entre visitas guiadas e por libre, nos pasados meses de xullo e agosto arredor de 14.000 persoas visitaron os elementos singulares que conforman a Ruta da Construción Naval.

O primeiro itinerario de turismo industrial posto en marcha en Ferrol conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, Navantia, o Arsenal Militar e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra (COFER). Respecto ao itinerario, este parte da dársena de Curuxeiras e discorre polo Arsenal Militar, co antigo Cuartel de Instrución e o Dique da Campá como máximos expoñentes turísticos, para despois percorrer as instalacións do estaleiro. O roteiro, tal e como manifestou en varias ocasións o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, “amosa o maior tesouro que ten a nosa cidade e explica o que somos como cidade, de onde vimos e o que temos feito nos últimos 300 anos”.  Este itinerario aglutina historia, tradición, grandiosidade e tecnoloxía de última xeración xa que entre os atractivos que oferta se atopan  dende as modernas fragatas F-100, pasando polo Dique da Campá, construído en 1750; a Exposición Permanente da Construción Naval (Exponav) ou o Museo Naval, que tamén estarán abertos ao público.

Lea también

Affinor contará en Ferrol con un local municipal en el barrio de Recimil

Cuatro años después, y consensuado con la entidad, se da este importante paso para que …