Xunta e o concello de Pontedeume colaboran na redacción do plan xeral de urbanismo da Vila

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, mantivo na mañá  do mércores, día 5, unha reunión de traballo co alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente Piñeiro, na que lle trasladou a colaboración da Xunta de Galicia para que Pontedeume se sume á relación dos 25 concellos da provincia da Coruña con planeamento urbanístico en vigor.

Rivas Díaz trasladou que dende o departamento de Urbanismo se asesorará aos responsables do Concello e ao equipo redactor do PXOM para que este sexa unha realidade no prazo máis breve posible e con todas as garantías lexislativas. Na actualidade, Pontedeume réxese por Normas Subsidiarias de Planeamento de xuño de 1986.

Durante a reunión fixeron un repaso do estado de tramitación e aprobación dos distintos informes sectoriais que se precisan, como os de Sostibilidade e Paisaxe, Costas do Estado, Aviación Civil, Infraestruturas e Portos de Galicia.

A secretaria de Ordenación recordou que a Xunta emitiu, en novembro de 2009, un informe de aprobación inicial, no que se informaba das melloras e modificacións que a administración local tiña que realizar sobre o seu documento de planeamento, que foi aprobado inicialmente en novembro de 2009 e sometido a información pública por un período de 3 meses.

Encarnación Rivas reiterou o apoio da Xunta para que o Concello avance un novo paso na redacción do seu PXOM, que será a aprobación provisional en pleno municipal, dito documento será enviado á Xunta para aprobación definitiva, unha resposta que a Xunta trasladará aos 3 meses seguintes da entrada do documento de planeamento nas dependencias autonómicas.

Asemade, trasladou a colaboración da Xunta de Galicia, unha implicación que queda manifesta coa celebración de sete reunións de traballo como a celebrada esta mañá, para asesorar e axudar na redacción do pal xeral. Destacou que esta axuda non só se limita ao traballo de campo, senón que tamén se traslada ao terreo económico, xa que a Xunta destina máis de 140.000 euros á redacción deste documento, cuxa contratación se realizou en marzo de 2004.

Por último, destacou que a Xunta tamén colabora con 180.000 euros na redacción do Plan especial de protección e rehabilitación do Casco Histórico.

Lea también

Concello de Pontedeume e UCOA convocan unha nova edición do concurso Ponted´Pinchos

O Concello de Pontedeume e UCOA (Unión de Comerciantes e Autónomos de Pontedeume) convocan unha …