Xunta e libreiros organizan as Feiras do Libro de Galicia 2013. En Ferrol celebrarase do 19 ó 23 de abril

feria-del-libro-de-ferrol_350911O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, presentaron hoxe as Feiras do Libro de Galicia 2013, que amplían a colaboración entre ambas as entidades a catro citas máis que a pasada edición. Ás localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Viveiro, Ourense e Lugo, súmanse este ano a colaboración na organización das dos concellos de Pontevedra, Foz, Monforte e Rianxo.

Nunha rolda de prensa na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, Vázquez Abad e Rodríguez salientaron o pulo que tanto a Consellería como a Federación lle queren dar este ano ás feiras, que constitúen importantes vías de achegamento cultural para as galegas e os galegos, así como un excelente escaparate para dar a coñecer as novidades editoriais nos diferentes soportes.

Na presentación tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora da biblioteca, Carina Fernández Faya, e o vicepresidente da Federación, Antón Pedreira. Este último foi o encargado de expor polo miúdo as datas nas que se celebrarán as feiras, que comezarán en Ferrol o 19 de abril e que rematarán o 25 de agosto en Monforte.

Aposta integral pola cultura galega

Durante o acto de presentación, o conselleiro sinalou o importante papel das feiras para favorecer a aproximación ao mundo do libro. Neste sentido, Vázquez Abad sinalou como un dos eixos prioritarios do departamento que dirixe “a dinamización da lectura, fundamental para a formación integral dos membros dunha sociedade”. “Os libros educan, informan, tenden pontes para o entendemento, eliminan barreiras e fronteiras. Gañar lectores, polo tanto, é avanzar cara a unha sociedade mellor formada, máis informada e, polo tanto, máis libre”, dixo.

O conselleiro anunciou o novo pulo que o seu departamento e mais a Federación de Libreiros de Galicia que lle van imprimir este ano ás feiras, mediante a sinatura dun convenio de colaboración para o desenvolvemento dun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos. O obxectivo deste convenio é impulsar, xunto co editorial, outros sectores da cultura galega, a través da aposta polos artistas de base e polas compañías galegas”, salientou o conselleiro.

Apoio aos libreiros

Vázquez Abad destacou tamén a importancia dos pequenos libreiros como axentes fundamentais da industria editorial e puxo en valor o seu labor, máis nestes tempos difíciles, “nos que como representantes que son do pequeno comercio, coñecen ben as dificultades económicas”, e animounos a continuar “nesta tarefa de dinamización cultural” que desempeñan.

Feiras en 11 localidades

As feiras iniciarán o seu percorrido polas catro provincias galegas no mes dos libros. A primeira parada será no concello de Ferrol, do 19 ao 23 de abril. Na capital de Galicia a cita será desde o 27 de abril ata o 5 de maio. No mes das letras tamén será a quenda das feiras de Lugo, do 14 ao 19 de maio, e de Pontevedra, do 21 ao 26. Ourense celebrará a súa feira do libro entre o 4 e o 9 de xuño e posteriormente terán lugar as feiras de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; e de Rianxo, do 25 ao 27 de xullo. No mes de agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 11; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte, que pechará a edición de 2013 entre os días 22 e 25.

 

Lea también

Formoso reafirma o compromiso da Deputación na atención as persoas con dano cerebral

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, valorou “o labor imprescindible” que desenvolven as entidades …