Beatriz Talegón

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Nas últimas semanas puidemos ver ao longo de todas as redes sociais o vídeo dunha moza e militante socialista, Beatriz Talegón, poñendo en xaque aos líderes mundiais do socialismo na reunión da Internacional Socialista. No seu discurso criticaba a perda de valores dos partidos socialistas cunha frase que deu moito que falar xa que os acusaba de “buscar a revolución dende un hotel de 5 estrelas”. Nin que dicir ten que as súas palabras correron como a pólvora e o seu discurso converteuse nun dos vídeos máis vistos do Youtube.

Non teño nada en contra do discurso de Beatriz Talegón en si, é máis, comparto a maioría das cousas que dixo pero, que queren, non mo creo dito por ela. Sobre todo porque a presentan como unha moza militante socialista, o que si é certo, pero non é menos certo que tamén é a secretaria xeral da Unión Internacional das Xuventudes Socialistas e, en fin, creo que un non chega aí por ser especialmente crítico co aparato que dirixe o partido (calquera partido, eh?). Ademais é unha dirixente ao estilo desas grandes organizacións: sempre traballou no propio PSOE en distintos cargos.

Lía unha opinión nun xornal que comparto ao cen por cen: parece que á rapaza esta a crioxenizaron. acaban de desconxelala e aínda non se deu de conta do partido no que está. Defender a revolución? O partido dos GAL, da OTAN, da guerra imperialista? O dos ERE de Andalucía? Queixábase Talegón de que non souberon estar no movemento 15M e é certo, xa que comezou cando gobernaba o propio PSOE. Terá algo que ver?

Quizais estou sendo algo inxusto e pensa de verdade o que di. Dubídoo debido ás críticas que recibiu estes días dos seus propios compañeiros e ex-compañeiros de partido. Non creo que haxa un só dirixente de ningún partido socialista agora mesmo que repita as palabras de Beatriz Talegón créndose de verdade o que di. A min sóame máis a discurso progre-guay que a outra cousa, por non falar da súa presenza nos medios estes días. Incluso da súa presenza na manifestación contra os desafiuzamentos. De verdade pensou que facía algo alí xunto a López Aguilar, ministro de Zapatero? E xa unha cousa é que fose como cidadá normal, pero incluso, dedicouse a falar ante os medios. Que fixo o PSOE con este tema fai pouco máis dun ano? Nada, exactamente igual que o que está a facer o goberno de Rajoy.

Non sei que lle parecerá a ela que Rubalcaba propoña cambiar o nome do PSOE polo de “Partido dos Socialistas Europeos-PSOE”. Polo menos xa lle quitaron o de obreiro. Agora só falta que lle quiten o de socialista. Pero, en fin, todas estas preguntas terán unha fácil resposta, que será dada polo tempo. El dirá se esta moza segue a defender todo isto ou se como tantas veces neste partido só é unha falsa pose progre para conseguir votos, como a chaqueta de pana de Felipe González.

 

 

Lea también

Concello de Ferrol: una evaluación difícil.

Enrique Barrera Beitia  Escribo este artículo cuando los gobiernos locales llevan ya diez meses de …