O Concello de Ferrol solicitará dedicar a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas 2014

CarvalhoCaleroO Concello de Ferrol solicitará formalmente á  Real Academia Galega (RAG) que lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2014 ao veciño da cidade Ricardo Carvalho Calero. A proposta,  elaborada pola Concellería de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, que dirixe Jose Manuel Vilariño Anca, foi ditaminada de maneira favorable polo conxunto dos grupos municipais na comisión informativa de Cultura celebrada esta mañá. O titular de Normalización Lingüística sinalou que levará a petición ao Consello Municipal da Lingua, que se reunirá o vindeiro martes 19 de marzo, antes da súa aprobación definitiva no Pleno ordinario de finais de mes.

Xa houbo duas peticións anteriores

Na devandita solicitude á RAG de lle dedicar as Letras Galegas de 2014 a Carvalho Calero o Concello de Ferrol lembra que esta mesma proposta non tivo éxito cando se fixo nos anos 2008 e 2009 –no primeiro caso foi unha petición unánime da Corporación Municipal que nacía do movemento asociativo ferrolán; e no segundo, promovido pola Fundación Artábria. “Somos conscientes das numerosas peticións que recibe a Real Academia Galega para elixir o autor ou autora homenaxeada cada ano, e que as posibilidades son moitas dentro da riqueza da nosa literatura”; pódese ler no escrito de proposta apoiado esta mañá polos grupos municipais en comisións. Nesta instancia engádese de seguido que, “sen embargo, cremos que é obriga do Concello de Ferrol persistir e seguir facendo camiño co fin de acadar o merecido recoñecemento para a obra e a persoa do insigne ferrolán Ricardo Carvalho Calero”.

O documento, que o edil Vilariño Anca levará ao Consello Municipal da Lingua antes do debate plenario do mesmo, recolle tamén un breve resumo da prolífica traxectoria profesional e humana de Carvalho Calero, facendo mención no mesmo a títulos da súa obra escrita en diferentes ámbitos –poesía, teatro, narrativa e ensaio-: Trinitarias, Vieiros, Catro pezas, Teatro Completo, Scorpio, Xente da Barreira, Do galego e de Galicia, Historia da Literatura Galega Contemporánea. Así mesmo, o Concello tamén alude a outros méritos de Carvalho Calero, como o feito de ocupar a primeira Cátedra de Lingua e Literatura Galega, que fora secretario xeral do Seminario de Estudos Galegos ou que formara parte do grupo que redactou o Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de 1936.

Pór último no escrito de petición á RAG, a Concellería de Participación e Normalización Lingüística  define a este filólogo, escritor e profesor como de “gran pensador do reintegracionismo”.  O Concello de Ferrol agarda que a estes recoñecementos obtidos por Carvalho Calero,  Fillo Predilecto da cidade e da Comunidade Autónoma, “se lles poida sumar axiña o de homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014”.

 

 

 

 

Lea también

Ciclo de Aulas temáticas para a promoción da saúde dos maiores na AVV de San Pablo en Ferrol

Están organizadas pola Asociación Cáritas e a Consellería de Política Social, en colaboración coa Asociación …