A «XXIV Festa da Lectura, do Libro e da Palabra» en Ferrol estará dedicada a Carvalho Calero

feria-del-libro-de-ferrol_350911A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, presentou este mércores, día 10,  a programación das actividades para a “XXIV Festa da Lectura, do Libro e da Palabra”, que se desenvolverán na praza da Constitución entre o 19 e o 23 de abril e que este ano se dedicará a Ricardo Carvalho Calero, ferrolán para o que o Concello de Ferrol vén de solicitar formalmente á Real Academia Galega que lle dedique o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. O acto celebrou no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol e ao mesmo asistiron o representante da Federación Galega de Libreiros, Antonio Fernández; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Manuel Rodríguez.

Na súa intervención, Martínez Galdós destacou a festa da lectura de Ferrol  “non é só unha feira do libro, senón que ten outros obxectivos de carácter educativos”. Así mesmo, a través de este evento “queremos amosar a palabra, a lectura, a conversa e o libro como un recurso de gozo, acompañamento e de xeración  de soños nas persoas, sobre todo nos nenos e nenas”. Ao respecto, a edil ferrolán engadiu que “queremos presentar e entender a conversa e a lectura como un elemento e recurso chave para o desenvolvemento e medre das persoas, culturas e sociedades. En definitiva, promover o recoñecemento e a visibilidade da diversidade cultural”. Neste sentido, Martínez Galdós subliñou que os centros educativos e os núcleos familiares son moi importantes á hora de fomentar a lectura nos nenos e nenas. A edil de Educación, sinalou que este ano a Festa da Lectura, do Libro e da Palabra de Ferrol está dedicada a Ricardo Carvalho Calero,  recordando a solicitude que se fixo dende o Concello á Real Academia Galega (RAG) para que se lle dedique a este o Día das Letras Galegas de 2014.

Programa

A figura de Carvalho Calero terá un protagonismo especial durante a feira do libro. Así, haberá obradoiros infantís dedicados a obra e vida deste ferrolán na que os participantes traballarán con chapas e cadernos. Estes obradoiros se realizarán en dous grupos o venres, sábado, luns e martes en horario de 10:00 a 11:30 -o primeiro- e 12:00 a 13:30 -o segundo-. Tamén haberá unha mención especial a Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado no Día das Letras Galegas, coa presentación do libro e audiovisual “Un chapeu negro e un nariz de paiaso”, e coa función teatral “Touporroutou”, que porá en escena para un público infantil a compañía “Maquinarias”.

Pola súa parte, tanto Antonio Fernández como Manuel Rodríguez, agradeceron o apoio do Concello de Ferrol a este evento, que o ano que vén cumprirá o 25 aniversario. A feira da cidade naval abre o circuíto das once que se celebrarán en toda Galicia e contará con algunhas novidades estruturais. Entre elas, destacan dúas novas casetas – un expositor infantil e outro dedicado ao outlet de libros- das oito que formarán parte da mostra. Ademais, todos os días terán lugar obradoiros; actividades para o público infantil -contacontos, maxia ou representacións teatrais-; presentación e firma de libros; ou charlas coloquio, como a de Xesús Alonso Montero arredor do seu libro Castelao na Unión Soviética en 1938”.

O acto inaugural da vixésimo cuarta edición da “Festa da lectura, do libro e da palabra” terá lugar o xoves 19 ás 19:00 horas na praza da Constitución. Este ano o pregoeiro será o humorista Celso Fernández San Martín.

 

 

 

 

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, presidida, junto con el almirante …