14 de abril

Miguel AlonsoMiguel Alonso

O pasado 14 de abril, día de conmemoración da II República, foi, posiblemente, a celebración republicana máis apoiada dos últimos anos. Non é estraño, claro. Os desmandos da Casa Real nos últimos tempos acentuaron en parte da poboación ese sentimento e leváronos a preguntarse se realmente merecía a pena cargar cunha realeza dedicada aos seus propios praceres e apaños e completamente afastada da realidade social española.

Curiosamente fai un ano agora, máis ou menos, do incidente de Juan Carlos I en Botsuana. Independentemente do problema elefantil (xa se veu o que lle importaba o asunto á súa maxestade) o que máis poeira levantou foi o descubrimento da súa relación con Corinna, que segue a encher páxinas das revistas rosas. A min, teño que confesalo, impórtame entre pouco e nada con quen se deite o Rei de España. En todo caso, será problema del, de Sofía e da amante. Non serei eu quen valore a vida “licenciosa” do monarca.

Outra cousa distinta, por exemplo, son certas declaracións do entorno da Casa Real comentando que o inquilino da finca La Angorrilla é o propio rei, pero non a raíña, que, segundo eles, vive cada vez máis tempo en Londres e, en menor medida, en Palma. E digo eu, a raíña de España non debe vivir habitualmente no país? Dáme igual, como digo, a súa vida privada, pero se non quere vivir no país no que reina xa sabe o que ten que facer.

A maiores, evidentemente, está o escándalo Urdangarín. Agora parece que pode irse a Qatar, a traballar como adestrador de balonmán. A pesares de non pagar a fianza esixida polo xuíz ninguén lle retirou ata o de agora o seu pasaporte. É unha lección moi importante para os cidadáns: se non podes pagar a fianza, non pasa nada. Delinque, que ao cárcere non vas ir. Ben, polo menos se es o xenro do rei, que para iso ten amizades tan “democráticas” coma as que gobernan nese país.

A verdade é que entre a xuventude española xa é cada vez máis raro atopar defensores da monarquía. Esta xeración xa non viviu os supostos “esforzos” do monarca imposto por Franco para levar o país á democracia. Non votou tampouco constitución algunha. Esta xeración xa non comprende que alguén se chame a si mesmo “demócrata” e, porén, defenda que a xefatura do estado pase de pais a fillos, dun modo completamente medieval. Como dicían estes días as Xuventudes de IU en Twitter, converténdoo nun dos Hashtags máis repetidos da semana: Felipe, non serás rei.

 

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …