O grupo municipal socialista de Ferrol critica a labor social do grupo de goberno

recimil-10O Grupo Municipal Socialista, con respecto ao denominado “Plan de Oportunidades”, insta ao goberno local a que explique as oportunidades que deixou pasar para a rehabilitación de Recimil, cualificando de fracaso que dous anos despois o goberno local so teña entregada unha vivenda, cando máis de 100 familias están á espera para a adxudicación dunha.

Ocasións perdidas en Recimil

Refírense así os socialistas ás ocasións perdidas polo goberno local para a rehabilitación de Recimil, lembrando que en 2011 había máis de 400.000 euros para a rehabilitación das vivendas, que o goberno popular decidiu adicar a outros usos. Lembraron tamén a subvención desaproveitada de 600.000 euros da Deputación, entre outras propostas dos socialistas durante todo o mandato, que foron rexeitadas sistematicamente polo goberno local. Para a socialista María López, no que respecta a Recimil, “se trata dun plan de oportunidades perdidas.”

Nas emendas ao orzamento do ano 2013, os socialistas propuxeron adicar á rehabilitación das vivendas do devandito barrio 500.000 euros. Cuestión non reflectida na proposta inicial do goberno, que posteriormente, nun exercicio de plaxio das emendas do Grupo Municipal Socialista, emendouse a si mesmo coa ocorrencia do denominado plan de oportunidades. Lembran tamén que a emenda dos 25.000 euros para axudar ás entidades sociais que traballan con persoas en risco de exclusión social, e a extensión dos comedores sociais na cidade, foron propostas socialistas. Aínda así, os socialistas alégranse de que o goberno local utilice as súas emendas, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar dos ferroláns e ferrolás.

 Baile de números

Así mesmo, o Grupo Municipal Socialista, a través da súa concelleira María López, insta ao goberno a abandonar o baile de números, rectificando á edil de benestar, que falaba de que o gasto social duplicouse dende o ano 2011, faltando á verdade e manipulando os datos.

Sen ánimo de entrar en polémica, os socialistas rectifican os datos dados pola concelleira, lembrando que no último ano do mandato anterior o orzamento da área de benestar ascendía a máis de 5 millóns de euros, non 3,2 como aludiu a concelleira actual. Se a isto lle sumamos a partida que existía para a rehabilitación de Recimil, como fai a edil, o orzamento en materia social aumentaría moito máis. Os socialistas queren destacar tamén os datos referidos ás inversións sociais na cidade, que no ano 2011 ascendían a 400.000 euros, fronte aos 9.500 € deste ano.

Aínda así, os socialistas pediron dende o inicio do mandato que o orzamento da área de benestar respondera ás necesidades sociais crecentes, debido á situación de crise que estamos a vivir, xa que, desgraciadamente, as sinales dunha situación de emerxencia social na cidade eran claras. Por elo os socialistas manifestan que é necesario seguir incrementando os recursos públicos destinados aos servizos sociais, máis cando a necesidade é máxima na cidade, así como esixilos das demais administracións, deixando de lado actitudes compracentes.

Finalmente, o Grupo Municipal Socialista insta á concelleira de benestar a abandonar o baile de números, e a poñerse a traballar no cumprimento dos acordos derivados das emendas aprobadas no orzamento deste ano, denunciando que aínda están pendentes moitos dos do 2012, e polas declaracións da concelleira perigan algúns de 2013.

 

 

 

 

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …