A Corporación Municipal de Narón respalda as demandas do comité de empresa de Megasa

megasaO Alcalde de Narón e os portavoces dos grupos políticos municipais (TEGA, PP, PSdeG-PSOE, BNG e Converxencia Galega) reuníronse este xoves, día 6, co Comité de Empresa de Megasa, quen lles trasladou a difícil situación pola que está a atravesar esta fábrica, que podería estar condeada ó seu peche se non se modifica a lexislación vixente en materia de consumo eléctrico.

O  Concello ten adoptado  por unanimidade de tódolos grupos políticos os seguintes acordos:

1º Solicitar unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo (na que participaría o Alcalde, os portavoces dos partidos e o comité de empresa) para informarlle da gravidade da situación.

2º Convidar ó comité de empresa a participar na vindeira xuntanza da Mancomunidade de Municipios, prevista para o luns 10 de xuño, co fin de trasladar esta problemática ó resto de alcaldes dos concellos que integran a mancomunidade.

3º Redactar unha declaración institucional de apoio a Megasa, que se levará o vindeiro Pleno Ordinario do xoves día 27 de xuño.

Ademáis destas medidas, o alcalde de Narón ten enviado esta semana un escrito ó Ministro de Industria, Jose Manuel Soria, ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e ó Conselleiro de Industria, Francisco Conde, informándolles da situación da siderúrxica Megasa, que “é unha base fundamental da industrialización de Narón e da bisbarra en xeral, e está a sufrir unha discriminación frente a outras empresas pola tarifa eléctrica”.

O rexedor expresou a súa disconformidade coa nova orde ministerial de consumo de enerxía eléctrica que bonifica -por interrumpir o consumo eléctrico en momentos de maior demanda doméstica- ás grandes empresas en detrimento doutras de menor tamaño como Megasa. “Non pode ser que dentro dun mesmo sector, unhas empresas xoguen cunhas vantaxes que outras non teñen” declarou o alcalde..

Segundo comentou o presidente do Comité de Empresa de Megasa, Carlos Bascoy, a modificación da factura eléctrica realizada o 27 de decembro de 2012 mediante orde ministerial “vulnera as condicións de igualdade e competencia na produción, ó favorecer ós grandes consumidores eléctricos”. Esta norma foi creada, segundo Bascoy “para evitar que grandes multinacionais se deslocalizasen”; apuntou. A nova lei permitiu a empresas como CELSA favorecerse dunha prima moi superior, logrando elaborar un produto artificialmente máis competitivo, vulnerando as condicións de igualdade e competencia na produción.

Esta competencia desleal na bonificación da interrumpibilidade, pode traer como consecuencia a decisión de parar a fábrica indefinidamente e en breve espazo de tempo, tal e como asegurou a dirección de Megasa ós traballadores o pasado venres 7 de xuño.

Esta situación afectaría a máis de 1.200 persoas (entre os 190 traballadores que forman a plantilla de Megasa, e os postos de traballo que préstanlle os seus servizos en Narón e comarca) ademáis dunha importante baixada do tráfico portuario, posto que Megasa é unha das principais empresas que operan aquí.

A solución a este conflicto, tal e como apuntou Carlos Bascoy, pasa por revisar a orde ministerial que regula as desiguais bonificacións ás empresas eléctricas. “Esa sería a nosa única solución, e pedímoslle ó goberno da Xunta que defendan a esta empresa ó mesmo que defenderon a outras, porque Megasa é capital de traballo para nos e para a comarca”.

Paralelamente ás solicitudes de reunión co Presidente da Xunta e co Conselleiro de Industria, o Comité de Empresa de Megasa levará a cabo outras accións, coma a súa participación na manifestación da Folga Comarcal prevista para o 12 de xuño, e unha concentración o día 14 frente ó edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.

 

 

 

Lea también

Aprobada en Narón de xeito inicial a ordenanza para o uso do Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia

A sesión plenaria celebrada este mércores no concello de Narón aprobou inicialmente a ordenanza reguladora …