O PSOE denuncia a supresión de servizos e persoal en materia de seguridade

concello ferrol-26O Grupo Municipal Socialista, a través da súa concelleira María López, denuncia a supresión de servizos e de persoal en materia de seguridade, cun maior custo para o Concello, censurando a supresión do servizo de vixilancia en distintas instalacións municipais, coma a biblioteca, o Centro Cultural Torrente Ballester ou o Pazo Municipal, así como nos areais do Concello.

No que respectan ao Pazo Municipal, os socialistas lembran a privatización encuberta do servizo de atención cidadá, menospreciado a labor que viña realizando o persoal propio do Concello durante anos.

Segundo María López, non son os criterios de seguridade os que se teñen en conta no servizo actual. Por exemplo, elimínanse o servizo de vixilancia nocturna nos areais da cidade, cando o risco de actos vandálicos é alto, constatándose en anos anteriores a súa necesidade.

Respecto á seguridade nas praias, o Grupo Municipal Socialista destaca a falta de transparencia do goberno local no relativo á contratación do servizo de socorrismo e salvamento, do que non se deu conta en ningunha comisión informativa, nin está a disposición dos grupos municipais. Consultada a área de urbanismo, que engloba os negociados de urbanismo, seguridade, servizos, medio ambiente e zona rural, manifestan descoñecer a existencia do devandito contrato.

Ademais os socialistas consideran desexable que o goberno local publicitase a convocatoria para a selección dos e das socorristas, e, deste xeito, facilitar que os mozos e mozas interesadas teñan información ao respecto para acceder a estes postos.

“Non se entende tampouco a supresión da seguridade na biblioteca municipal, xa que na mesma se teñen producido incidentes que tiveron que ser resoltos pola intervención dos traballadores deste servizo.”.- manifesta María López.

Así mesmo, o Grupo Socialista critica que agora se establece un servizo itinerante na Casa Solidaria, e no edificio social, que non ten sentido, xa que de ser necesario debería abarcar un horario regular tódolos días na semana laboral, ou de non selo, é un gasto innecesario.

Redución de servizos

Así mesmo, os socialistas censuran que nos mercados municipais e no Castelo de San Felipe redúcese o servizo, de tal modo que nas prazas de abasto a atención se limita a apertura e peche dos mesmos, cando se trata de espazos que requiren unha maior atención polas súas características particulares.

Os socialistas censuran que o motivo do goberno local é abaratar os custos de persoal, ofrecendo un servizo deficiente, máis aínda cando se poñen en risco a salvagarda do patrimonio cultural e histórico do Concello, como é o caso do Castelo de San Felipe, no que tamén se suprime un posto.

Persoal

Neste senso, o Grupo Municipal Socialista critica que se reduxese a menos da metade o persoal contratado, e denuncian que dos 19 traballadores e traballadoras que levaban a cabo estas tarefas, so 4 persoas foron subrogadas, ademais cun maior custo para o concello. “Un alcalde que di que fai máis con menos, pero que na práctica presta menos servizos a un maior custo.”.- manifesta o voceiro adxunto Jaime Pena.

Así mesmo, os socialistas non entenden a redución da calidade do servizo, e a redución do persoal contratado, cando a contratación actual é lixeiramente máis cara para o Concello que o contrato adxudicado no 2009.

Seguridade dos ecosistemas e das persoas

Así mesmo, alertan do abandono de Reciclaterra e de Mougá por parte do goberno local, que está a poñer en risco a seguridade dos ecosistemas e das persoas, prescindindo ademais dun auxiliar de servizos. Ao respecto os socialistas advirten de que a estación de lixiviados de Mougá, atópase inoperativa e intransitable pola maleza.

É polo que o Grupo Socialista urxe á limpeza deste espazo, e a controlar e inspeccionar o funcionamento da planta de lixiviados, provenientes do antigo vertedeiro de Mougá, e a estación de biogás relacionada coa planta. Os socialistas alertan dos riscos de vertidos de lixiviados en San Xurxo, cunha alta carga contaminante.

 

 

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …