Mariano

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Mariano, non me coñeces e dubido que ti e máis eu nos crucemos pola rúa e podamos discutir este tema cara a cara. É unha mágoa. Preséntome. Son Miguel Alonso, músico e psicólogo galego. Son un cidadán deste país e polo tanto parece ser que son español e ti es o meu presidente. Non me gusta, pero es. Non che votei, pero es ti quen dirixe o país, quen teoricamente goberna para todos.

Ti e máis eu, Mariano, sabemos que isto non é así. Ti gobernas para un 1% da poboación, que che apoia e che di como tes que gobernar. Comprendo que esteas frustrado. Hai votantes teus que din que non cumpriches o teu programa. Eu, porén, sei que iso non é certo. Mira que metiches a pata, pero non sería por non poñer enriba da mesa as túas ideas. O problema é que a xente que che votou non sabe de que van esas ideas. Non lles dixeches, claro, que a túa ideoloxía consistía nisto: hai que desmantelar o Estado de Benestar, recortar dereitos aos traballadores, privatizar todo o que se che poña por diante, incluída a sanidade. Iso é ser de dereitas. Eu xa sabía (e non pretendo poñerme medalla algunha) que ías facer isto.

Gobernas para o 1%, Mariano, e ese 1% é o que che bota unha man. Vémolo nos papeis do anticristo, quero dicir, de Bárcenas. Empresarios e empresas que financiaron ilegalmente o partido a cambio de futuras concesións. Que agardaba a xente? pensarás. Eu goberno para quen goberno. Estou a facer as cousas como as teño que facer. Dende o teu punto de vista, tes razón.

O problema é que o outro 99 % está cada vez máis cabreado, Mariano, e ten outro punto de vista diferente. Non entende que te estiveras a mandar mensaxes coma unha colexiala con Bárcenas cando xa o negabas en público. Hacemos lo que podemos, Luis. Moi mal, Mariano, esas cousas non se deixan por escrito. Que che teña que explicar eu isto a ti. Eu que, por non ter, non teño nin débedas co banco.

Entende entón que a xente se cabree. Supoño que o papel dun estadista (a ti chámante así, non sí?) é comprender o que a xente quere. Tes xa en contra aos estudantes, aos xubilados, aos funcionarios, ás familias que non chegan xa a fin de mes, e ti o único que fas é pactar preguntas co ABC. Lelas nun papel e logo agocharte a observar a reacción das masas.

Sei que fas o que debes, Mariano. Os teus xefes estancho a esixir. A túa xefa non é a Merkel, como cre gran parte da poboación española. Ti gobernas para un sistema que ten que dar beneficios a ese 1%, igual que ela. Pero resulta que todos os xornais internacionais alucinan con que sigas agarrado á cadeira despois de todo o que está a pasar. Non é intelixente nin para os vosos propios intereses.

Mariano, ti e máis eu non nos coñecemos, pero faime caso. Dimite.

 

 

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …