A materia de Bretaña e a Triloxía do Norte, de Ramón Loureiro

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

 A materia de Bretaña na literatura galega

O Romanticismo marcou o renacemento da Materia de Bretaña na literatura galega. Os primeiros que trataron da mesma foron Eduardo Pondal, coa súa poesía inspirada no ciclo de Ossian, e Ramón Cabanillas, cos poemas sobre o rei Arturo da súa obra Na noite estrelecida. Seguiron logo narradores como Méndez Ferrín con Amor de Artur, Darío X. Cabana con Galván en Saor, Carlos G. Reigosa con Irmán rei Artur e Xoán Bernárdez con No ano do cometa; autores teatrais como Vidal Bolaño ou Manuel Lourenzo; e poetas como Carballo Calero e María do Cebreiro.

En castelán, Torrente Ballester publicou La saga fuga de JB, mentres que José M. Castroviejo escribiu Apariciones en Galicia e La Burla Negra, tratando o tema de xeito fantasioso. Álvaro Cunqueiro foi un caso especial con Merlín e familia, onde superou o realismo social da súa época e abriu novos camiños ao mesturar o real e o imaxinario, o mundo dos vivos e o mundo dos mortos, incorporando a súa narrativa o maleable concepto do celtismo e a presenza dos prodixios ou milagres laicos.

 O aspecto histórico de Britonia

A finais do século quinto un grupo de celtas británicos chegou á Galicia, como parte da diáspora que abandonou Gran Bretaña ante a invasión xermánica, trala retirada do exército romano. Este grupo asentouse en diversos lugares da costa atlántica como a vella Armórica, a actual Bretaña francesa, e a antiga Britonia de Galicia. A Parroquial Sueva, documento publicado tralo concilio de Lugo do ano 569, que deu a coñecer a organización eclesiástica da época, reflicte esta presenza. Informa que o centro da diocese bretona estaba no desaparecido Monasterium Máximus, identificado co lugar onde se asenta a actual igrexa de Santa María de Bretoña.

Desde entón houbo noticias dos bispos desta comunidade, o máis coñecido o bispo Maeloc, presente no concilio do ano 572 en Braga. A comunidade organizábase arredor dun mosteiro rexido por un abade, cunha xurisdición máis persoal, mesmo étnica, que territorial, abranguendo aos grupos bretóns chegados a Galicia. Máis tarde as incursións musulmás do século VIII destruíron a poboación de Britonia, sendo substituído o seu bispado polo de Mondoñedo.

Ultimamente o inglés Simón Young, na súa obra Britonia, camiños novos, estuda a diáspora celto-británica e o seu asentamento, en base á toponimia, á antroponimia e ao folclore. No que atinxe aos topónimos, o autor sitúa neste contexto os lugares de Bertón en Caranza e Bertoña na Capela poñéndoos nunha hipotética relación coa sede de Britonia, usando a expresión propia “Triángulo celto-británico”, abranguendo deste xeito o actual territorio da diocese de Mondoñedo e Ferrol, e abrindo un novo camiño aos investigadores da presencia bretona en Galicia.

A Materia de Bretaña constitúe unha elaboración literaria de orixe franco-xermánica, construída sobre tradicións galesas, a medio camiño entre a historia e o folclore. Non obstante, hoxe, baixo o paraugas da posta en valor da literatura cunqueirana, están a dar renda solta a súa fantasía unha mestura de seguidores de Cunqueiro, seareiros do mago Merlín e investigadores, versificadores e ilustradores da Terra e Mar de Ferrol, con curiosas teorías que sitúan o Monasterium Máximus na ermida de Santa Comba ou relatan a diacrónica viaxe pola ría ferrolá do presbítero San Ferreol e o bispo Maeloc, mesturando de xeito coñero o ciclo artúrico, a materia de Bretaña, os santos navegantes, a presenza de San Rosendo e o irmandamento entre Ferrol e Mondoñedo.

Ramon-Loureiro_TINIMA20130305_0396_18A triloxía do Norte

Xa aterrando nun contexto de maior interese e seriedade e dentro do plano da literatura creativa que permite maiores licencias nos tratamentos históricos, non podemos deixar de citar ao escritor ferrolán Ramón Loureiro, como epígono ou quizais como discípulo avantaxado do mestre mindoniense Álvaro Cunqueiro. Na súa interesante triloxía do Norte (Las galeras de Normandía, El León de Bretaña, El lejano reino de la Vía Láctea) está a construír un imaxinario territorio onde desenvolve as novas teorías sobre a Galicia do Norte.

Cunha requintada escrita e unha pletórica fantasía o autor lévanos a Escandoi, presentido lugar próximo, terra milagreira e arremedo bretón dese espazo comprendido entre Ferrol e Mondoñedo. Unha fermosa triloxía, irónica, algo hermética e ata certo punto innovadora, onde Ramón Loureiro, na súa dobre faceta de escritor e periodista, alterna ficción e realidade, maxia e misterio, os vivos e os mortos, utilizando variados personaxes, uns crípticos e de difícil comprensión e outros de máis doado recoñecemento, mentres que aproveita facer unha intelixente crítica da Terra e Mar de Ferrol, ese territorio que coñece moi ben o narrador.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …