O BNG denuncia nunha concentración a perda de miles de hectáreas calcinadas

lumesAs oito da tarde deste xoves día 12, celebrouse unha concentración ante a sede da Xunta de Galicia, na praza de Camilo José Cela, en Ferrol, convocada polo BNG e ao igual que se fixo en Santiago, Vigo, A Coruña, Verín, Lugo e Ourense  para  solidarizarse coa veciñanza afectada polos incendios nos montes, para denunciar esta inmensa perda e exixir unha mudanza nas políticas de prevención e de extinción de lumes.

Portando carteis nos que se leía » Lumes, Nunca mais», os concentrados escoitaron a lectura dun manifesto , no que entre outras cousas se sinala que « a cidadanía galega quere manifestar o seu fondo pesar polo incendio que entre onte e hoxe arrasou o Monte Pindo, un Monte Pindo que leva anos loitando para ser declarado Parque Natural e para que se invistise na súa protección co obxectivo de evitar esta catástrofe.

Nun único día o lume devorou máis de 1000 hectáreas. Mais o goberno galego non quixo atender as chamadas da cidadanía que reclamaba esta catalogación e a Asociación Monte Pindo Parque Natural traballou soa no medio da falta de apoio da Xunta de Galiza e da Administración central do Estado español.

A este dramático incendio sumáronse, só no día de onte, os de Negreira, Porto do Son e a Fonsagrada. Mais aínda están nas nosas retinas os do Pedroso, en Compostela, o de Rianxo, o de Boiro e Lousame, os de Monterrei e Cualedro, os do Baixo Miño etc. Foron estas semanas inzadas de incendios con características terríbeis: un aumento de grandes incendios con moita superficie afectada e un incremento importante de niveis 1 e con serio perigo para a poboación pola proximidade a núcleos habitados, o que implicou en que en ocasións fose a propia veciñanza a que tivo que impedir que o lume chegase ás casas.

Fronte a esta situación dramática, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, comparecía hai poucos días no Parlamento para afirmar, como se dunha burla se tratase, que «o dispositivo funcionaba perfectamente». Fronte a esa distorsión da realidade, o que estamos a padecer é a eliminación de medidas de prevención e unha política de recortes nos servizos públicos que poñen en risco a seguranza do territorio e, en ocasións, a propia vida de galegas e galegos. A pesar do intento do PP por nos convencer de os dispositivos funcionaren perfectamente e de practicaren unha compracencia demagóxica, desgrazadamente, a realidade contrasta con aquilo que as galegas e os galegos estamos a ver, con auténtica desolación e cos nosos propios ollos, un día si e outro tamén.

A loita contra o lume comeza no inverno, require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente. Non se nos escapa que nesta loita a medio e longo prazo, a única realmente efectiva, é preciso apostar por unha política de reactivación da actividade socioeconómica no medio rural. 

Por todo isto, para alén de non solidarizarmos coa veciñanza afectada, queremos denunciar a inmensa perda destes miles de hectáreas calcinadas, exixir medidas para paliar a catástrofe e unha mudanza radical nas políticas de prevención e de extinción de incendios. LUMES NUNCA MÁIS».

 

 

Lea también

Aprobada en Ferrol la reparación de aceras en diversos puntos

La Junta de Gobierno Local ferrolano JGL dió luz verde al expediente de contratación de …