A Deputación da Coruña aproba investimentos por 140.000 euros en actividades culturais e sociais ao longo de toda a provincia

diputacion-plenoA Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado na mañá deste venres, día 13,  unha serie de convenios de colaboración con diferentes entidades con fins sociais e culturais por valor de 138.000 euros.

O primeiro destes convenios será asinado coa Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER) e terá coma obxecto o financiamento do programa BULE de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades crónicas e familiares.

Este acordo suporá unha achega provincial de 15.000 euros, cos que a institución asumirá o 80% do orzamento total para este programa.

Tamén se deu luz verde a un acordo coa Asociación de Escritores en Lingua Galega para financiar o Programa de actividades culturais no ano 2013. Neste caso, a axuda prestada pola Deputación será de 24.000 euros, o 80% da cantidade necesaria para pór en marcha estas accións e iniciativas.

Outra das axudas acordadas foi a colaboración coa Asociación dos Amigos da Ópera correspondente a financiar actividades de promoción da ópera no ano 2013: LXI Festival de Ópera da Coruña. Neste caso, a axuda provincial ascende a 52.000 euros, cos que se cobren un 10,8% dos gastos previstos para este festival.

A Asociación Academia Galega do Audiovisual tamén veu aprobada a achega provincial para o apoio aos Premios Mestre Mateo, xa que o pleno respaldou por unanimidade un convenio por valor de 15.000 euros, cos que a Deputación da Coruña asume o 12,3% dos gastos derivados da celebración destes galardóns do cine, a televisión e a radio de Galicia.

O XXVII Concurso Internacional de piano “Cidade de Ferrol” tamén contará co apoio provincial despois de que a corporación dese luz verde a un convenio co Concello de Ferrol para achegar 17.000 euros a este certame. A organización do evento poderá cubrir con esta axuda máis do 25% dos gastos totais desta celebración.

Por último, a sesión tamén serviu para aprobar a colaboración coa Federación Galega de Fútbol para financiar o 2º Congreso Internacional de Fútbol, organizado polo Comité Galego de Adestradores de Fútbol. A Deputación achegará 15.000 euros para apoiar este proxecto.

Plan estratéxico 2013-2015: Orientar a Deputación aos concellos

O pleno de hoxe serviu tamén para a aprobación definitiva da primeira fase do Plan Estratéxico 2013-2015. Este proxecto ten coma obxectivo a renovación e actualización da Deputación co fin de orientar a súa actividade a prestar mellores servizos aos concellos.

A institución provincial adopta un novo modelo de xestión e cultura organizativa, máis flexible, máis áxil e máis eficiente no cumprimento das súas funcións. Ademais, evitaranse duplicidades e acadarase unha maior celeridade nos servizos que se prestan.

Segundo explicou o presidente durante a sesión, este plan non obtivo ningún voto en contra dos representantes sindicais e está pensado para modificar unha estrutura que gañará en axilidade e proximidade aos cidadáns e aos concellos.

Continua redución da débeda

Finalmente, coa aprobación do informe sobre o estado de execución orzamentario, os deputados souberon que, ao final de ano, a débeda de institución provincial será de 41 millóns de euros, o que supón o 25% dos recursos líquidos dispoñibles e que está moi lonxe do 110% que permite a lei.

Deste xeito, segundo explicou o portavoz do grupo de goberno, Manuel Ruiz Rivas, “mantemos a tendencia de reducir débeda que iniciamos en canto chegamos a esta Deputación, cando a débeda era de máis do dobre que agora”.

 

 

Lea también

A Deputación financia con 303.000€ servizos de socorrismo en concellos do interior

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva …