EU rexeita o uso da Estación Radio de Mandiá como polígono industrial

estacion radioEsquerda Unida rexeita, mediante un comunicado, o uso da Estación Radio de Mandiá  como polígono industrial. Sinala que » Ao igual que hai case tres anos, cando Leixa semellaba que ía ser a solución definitiva para un tecido industrial que comezaba a esmorecer, parece que o alcalde de Ferrol ten a apócema máxica para resolver a crise que arrasa Ferrol, e esa solución non pasa polo tren ao porto exterior nin por fortes investimentos en Navantia, nin tan sequera pola estimulación do comercio local deixando de incentivar grandes áreas comerciais nas aforas da cidade. O que o alcalde de Ferrol ten previsto é a creación dun polígono industrial na antiga Estación de Radio de Mandiá.»

 

Ocorrencia improvisada

Para Suso Basterrechea «isto non é máis que outra ocorrencia improvisada do goberno municipal, que funciona a base de anuncios en luces de neón, que acaban diluídos na nada, como así aconteceu, por exemplo, cun proxecto de cooperativismo dotado cuns ridículos 30.000 € do que nunca máis se soubo. O coordinador local manifesta que Esquerda Unida amosa o seu rexeitamento máis radical a unha política de creación de solo industrial sen sentido e sen planificación, un modelo de solo baleiro que xa quedou demostrado que non é un modelo válido para cambiar o ciclo económico, e que o único que fai é esnaquizar de modo absurdo o solo rústico galego».

Fins especulativos

Segundo Jorge Suárez, coordinador da área de traballo e economía social da organización, » na nosa comarca sucédense os EREs, os concursos de acredores e o peche de empresas, o abandono de naves industriais que non se venden e hai decenas de despedimentos ao mes, o que provoca un excedente inmenso de solo industrial na contorna, a consecuencia dunha nefasta política económica e laboral, polo que só pode verse esta intención da creación dun polígono na estación de radio como unha medida con fins especulativos. Jorge Suárez considera que este solo industrial só estaría capacitado para acoller empresas comerciais e multinacionais creadoras de emprego precario, acolléndose a bonificacións fiscais inxustas e desproporcionadas, que non teñen nada que ver co que precisa a nosa comarca: empresas capaces de crear emprego de calidade, emprego industrial para reactivar o tecido produtivo».

 Falta de respeto á oposición

Por outra banda, Suso Basterrechea considera «unha falta de respeto á oposición que o alcalde decida unilateralmente o futuro uso dos terreos do convenio con defensa, que EU rexeita, por unha banda presume da procura de consensos e por outra determina o destino da Estación de radio sen ter en conta nin a partidos políticos, nin organizacións sindicais ou sociais. Para maior despropósito é unha deslealdade ao Pleno de Ferrol, órgano lexitimado para aprobar o devandito convenio do que ninguén máis que o PP ten noticias nin coñece o seu contido».

Esquerda Unida considera que o uso da Estación de Radio debería ser consensuado, cunha planificación ordenada e que fomente o autoemprego, o cooperativismo e as estruturas produtivas, que vaia no sentido contrario do que cos polígonos mal chamados industriais se pretende: «facer de Ferrol un exército de desempregados que, ante a desesperación, se entreguen ao servizo das multinacionais comerciais, con salarios precarios, contratos escravizantes e sen posibilidade de crecemento industrial na comarca. Máis industria e menos electoralismo».

 

 

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …