Belén do Campo visita o CEIP Eladia Mariño, de Cabanas

cabanas-visita delegadaA delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a mañá  deste venres, día 18, o colexio Eladia Mariño, no concello de Cabanas, para supervisar o resultado das obras de mellora e acondicionamento que se levaron a cabo ao longo das últimas semanas cun investimento de 18.950 euros.

Acompañada polo alcalde, Germán Castrillón, e polo director do centro, Andrés Seijido, Do Campo percorreu as dependencias e comprobou a ausencia de incidencias no desenvolvemento das clases neste primeiro mes desde que se iniciou o novo curso. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da Consellería de Cultura e Educación, acometeu a renovación de toda a instalación eléctrica do centro co fin de mellorar o seu funcionamento e adaptala á normativa vixente. Os traballos levados a cabo non interferiron en ningún momento na actividade académica.

Do mesmo xeito, a delegada territorial destacou que a actuación no CEIP Eladia Mariño -no que están matriculados 61 alumnos en Educación Infantil e 111, en Primaria-, inclúese no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos para o comezo de cada curso. Así, incluíndo esta última actuación, nos tres últimos anos a Xunta leva investidos máis de 100.000 euros noutras obras, como a creación duns aseos na zona de Infantil e o acondicionamento de novos espazos.

Traballos de mellora en colexios e institutos

Na comarca do Eume, Educación destinou no que vai de 2013 182.670 euros ao mantemento dunha decena de centros. Así, no concello de Pontedeume, acometeu a reforma e ampliación da cociña do IES Fraga do Eume e a reparación das fiestras do IES Breamo. Na mesma localidade tamén se creou un baño infantil no CEIP Andrade e mellorouse a recollida de augas e os vidros do CEIP Couceiro Freijomil.

Por outra banda, no CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela tamén se reformou a instalación eléctrica e, ademais, instalouse un novo pararraios. No colexio público integrado de Virxe da Cela de Monfero reparáronse as deficiencias da cociña e, por último, nas Pontes traballouse no colexio A Magadalena para reparar a calefacción e reformar a instalación eléctrica, así como nos IES Castro da Uz, onde se eliminaron as goteiras das cubertas dos talleres, e Moncho Valcarce, ao que se lle subsanaron os problemas de filtracións de auga do pavillón.

Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas en cada municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos.

 

 

Lea también

Actos vandálicos reiterados en Valdoviño contra el mobiliario urbano

El Ayuntamiento de Valdoviño vuelve a denunciar los actos vandálicos que, de forma reiterada, se …