PSdeG de Ferrol considera un “drama” a existencia de moitos locais comerciais baleiros

psoe-logoO PSdeG de Ferrol asegurou na mañá deste venres, día 25, en resposta ao resultado do estudo realizado sobre o comercio nos barrios obxecto da actuación do Plan Urban (Ferrol Vello, Canido e A Magdalena) e presentado polo goberno local do PP, que « o feito de que nestas tres zonas existan nada máis e nada menos que 428 locais baleiros é un “drama” produto das políticas que está a desenvolver o propio Partido Popular, e non unha “fortaleza”. “Parécenos unha tomadura de pelo que o Partido Popular trate de convencer á veciñanza do positivo que é contar en unicamente tres barrios con máis de 400 locais sen uso, cando toda a cidadanía, e nomeadamente as persoas dedicadas ao comercio, saben perfectamente das dificultades que o sector está a atravesar pola gravidade desta crise na cidade”, manifestou o responsable de Economía do Partido Socialista de Ferrol, Bruno Díaz, para o que os datos que agora se fan públicos “poderían ser unha fortaleza no caso de que existiran políticas de dinamización económica, pero non coas políticas de destrución e recortes do Partido Popular en todas e cada unha das administracións nas que está gobernando”.

Nestes últimos anos, o pequeno comercio está a sufrir dun xeito especialmente virulento os efectos dunha crise que na cidade ten unhas consecuencias aínda peores que no resto de Galicia e de España”, afirmou Díaz, que engadiu que “as perspectivas de futuro son nulas, cun PP obstinado en deixar morrer Ferrol e uns sectores industriais e de servizos en caída libre”. “Se non se pon freo a esta sangría, o número de locais será en seis meses de 800 e os efectos diso devastadores”, dixo o secretario de Economía, que apostou pola realización de estudos por parte de entidades públicas que non reciban “incentivos” por captación de negocios, senón que desenvolvan plans serios de dinamización comercial con axudas aos emprendedores e, en definitiva, impulsar a un sector ao que lle costa moito chegar a fin de mes e que, en cada vez máis casos, se ve abocado a pechar os seus negocios.

Pero é que, ademais, como puxo de manifesto Díaz, “os comercios precisan de clientes para poder funcionar, os e as comerciantes necesitan que viva xente na cidade que consuma e, polo tanto, manteña ou, no mellor dos casos, incremente, a demanda, pero o que está a acontecer en Ferrol é que cada día ten menos habitantes porque as familias, os mozos e mozas, os maiores e parados de longa duración, teñen que marchar a ducias porque aquí non teñen un posto de traballo nin perspectiva de conseguilo”. “A situación actual é dramática, pero a que se aveciña como consecuencia do Plan Estratéxico de Navantia ou co posible peche de empresas que están dando traballo a centos de persoas, como Megasa ou as pousas compañías auxiliares que sobreviven a duras penas, non ten adxectivo posible agás o da desaparición dunha cidade que leva moito sufrindo a desidia dos gobernos do Partido Popular en Ferrol, Galicia e o Estado”, dixo.

Bruno Díaz lamentou que o alcalde, José Manuel Rey, «opte por gastar os fondos do Urban en pagar a empresas por facer estudos carentes de contido, con conclusións absurdas e incluso insultantes no contexto no que se atopa Ferrol, en vez de facelo na procura de solucións para unha cidade que segue á cabeza de Galicia en índice de paro, segundo os datos da EPA. E mentres todo iso sucede, Rey Varela brinda sorrindo con champán”, concluíu.

 

 

Lea también

Ferrol inicia el proceso para agilizar la contratación de personal

La concejala de Recursos Humanos, Susana Sanjurjo, avanzó que la Mesa General de Negociación aprobó las …