Santiago de la Iglesia Santos, médico, masón e republicano

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

No tránsito do paso do século XIX ao XX, rexistrouse en Ferrol unha importante presenza dunha xeración de intelectuais de variadas tendencias políticas, nunha cidade de animada vida cultural. Ademais de Comellas Coimbra, Nicolás Fort, Luciano Seoane, Luís Mesia, Pérez de Castro, Wenceslao Veiga, Cayetano Vaello, José de Pato, Emiliano Balás, Cabo Pastor, Rodrigo Sanz, os irmáns Leandro e Manuel de Saralegui, desenvolveron un interesante labor cultural en Ferrol os tamén irmáns Alfredo e Santiago de la Iglesia.

O médico Santiago de la Iglesia Santos naceu en Compostela el año 1851, procedente dunha familia coruñesa. Fillo do mestre e escritor Francisco de la Iglesia González, era irmán dos escritores Álvaro e Alfredo. Rematou a carreira de Medicina en Santiago o ano 1873, e despois de colaborar co seu colega e correlixionario Pérez Costales, acadou o ano 1874 unha praza de médico no entón concello de Serantes. Pronto estableceuse en Ferrol, onde foi profesor de Física e Química na Escola de Artes e Oficios, secretario do Ateneo Ferrolán e impulsor do Centro Obrero de Cultura, sendo nomeado o ano 1914 director do Laboratorio Municipal de Ferrol.

burgoa-27-11Santiago de la Iglesia exerceu unha notable actividade no eido do republicanismo, estando moi unido a Francisco Suárez, xefe federal do partido republicano en Ferrol, a quen sucedeu no cargo. Seguidor de Pí y Margall y Ruiz Zorrilla, foi deputado a Cortes polo Partido Republicano e Tenente Alcalde da nosa cidade. Tamén levou a cabo unha notable actividade como periodista, dirixindo o semanario “La República” mentres colaboraba en diversos xornais ferroláns da época.

Foi un estudoso da historia e da arqueoloxía, escribindo con asiduidade en revistas como o “Anuario Ferrolano”, o “Almanaque de Ferrol” e nas publicacións do Ateneo Ferrolán, do que presidiu a sección de Ciencias. Membro da Sociedade Española de Historia Natural, levou a cabo diversos traballos de investigación no eido das Ciencias Naturais, Médicas e Biolóxicas. Ademais destes traballos científicos, entre as súas publicacións pódense citar unha biografía de Francisco Suárez, un xuízo histórico crítico sobre a Compañía de Jesús e unha curiosa obra de ficción titulada “Don Quijote redivivo”. Faleceu en Ferrol o ano 1931 e, como sucede con tódolos persoeiros ferroláns ou afincados na cidade, a súa importante biblioteca e a súa colección arqueolóxica atópanse hoxe fora de Ferrol, desta rolda en Santiago de Compostela.

Como tantos outros personaxes, nacidos ou non en Ferrol, mais que traballaron a prol da nosa cidade, está totalmente esquecido polos ferroláns que non lle deron o seu nome a ningunha rúa ou praza ferrolá. Pola contra leva o seu nome unha rúa da cidade da Coruña. Como lenda urbana cóntase que, coa chegada do franquismo, quixeron cambiar o nome desta rúa dedicada a este recoñecido masón e republicano. Alguén díxolle ao censor: “Chamándose SANTIAGO, IGLESIA e SANTOS, tivo que ser unha boa persoa”. E a rúa quedou co seu nome, como tiña que ser.

 

 

 

 

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …