¿Qué foi do paseo das Delicias?

FAF-1Nun novo comunicado, o Foro de Amigos de Ferrol -FAF-, denuncia o desleixo das estatuas máis antigas de Ferrol colocadas hoxe  nos xardíns de Mella.

O século XVIII creouse en Ferrol a primeira alameda pública galega, que servía tanto de espazo defensivo do Arsenal como nexo de unión entre os barrios da cidade. O século XIX quedou configurada polo Cantón Baixo, unha zona axardinada con loureiros, moreiras e outras especies; pola Alameda de Suances, bordeada de frondosos plátanos; e, na zona máis próxima á cidade, polo Cantón das Delicias, o chamado Cantón de Molíns na honra do entón ministro de Mariña, aínda que na memoria popular quedou o nome de Paseo das Delicias, hoxe baixo a sombra dos magnolios e dos tilos prateados.

paseo-17-13-1

 

O Paseo das Delicias foi de sempre o lugar elixido polos ferroláns para o seu solaz, paseo e entretemento. No extremo oriental, no chamado Campo da Forca, o ano 1786, sendo Álvarez Caballero Alcalde Maior da cidade, levantouse a Escola de Gramática polo Tenente Coronel Enxeñeiro Dionisio Sánchez de Aguilera. O simétrico e alongado edificio tiña dous corpos de estilo neoclásico, unha porta central de acceso cun balcón enreixado e no lateral da rúa do Olvido (hoxe Manuel de Cal) a entrada da cárcere municipal. Na súa parte alta un frontis ovalado levaba un fermoso escudo de granito coas armas da cidade, hoxe esquecido nun edificio municipal. O edificio tivo diferentes usos, desde colexio militar ata cuartel da milicia nacional, e desde o ano 1847 ata o ano 1953, algo máis dun século, foi a Casa do Concello de Ferrol, ata que se inaugurou o actual Consistorio na Praza de Armas, sendo tristemente derrubado o ano 1978.

No ano 1862 colocáronse no paseo fronte á Casa do Concello unha serie de longos bancos corridos de pedra serpentina con reixas de ferro forxado e pedestais graníticos, alternando as xerras de pedra encalada coas estatuas de vulto redondo de personaxes mitolóxicos. Na década dos anos 1950 este conxunto foi desmontado e unha parte do mesmo, incluídas as estatuas de Marte e Júpiter, as máis antigas da cidade, foi levada aos xardíns de Mella, a carón do actual Parador de Turismo, noutro exemplo do estraño carácter itinerante dos monumentos ferroláns. Este fermoso conxunto atópase hoxe nun estado de desleixo total, coas esculturas mutiladas, as xerras desaparecidas ou rotas, os baseamentos de pedra de grá en mal estado e os bancos de serpentina ou pedra de toelo afondados e carentes de moitos dos seus respaldos enreixados.

 

paseo-17-13-2

 

 

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle a I Xornada de Enfermaría Laboral

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do …