Ferrol, un paso adiante (I)

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move.

Xosé M. Díaz Castro. Penélope

No escenario actual que caracteriza ao século XXI, máis da metade da poboación mundial vive nas cidades, que en ocasións desenvolven un papel superior ao dos propios estados aos que pertencen. Por iso, o crecente papel do turismo cultural e de ocio no desenvolvemento económico orixina que as urbes modernas potencien de variado xeito as súas propias sinais de identidade para darse a coñecer e atraer ao viaxeiro.

Mentres moitas vilas e cidades de Galicia desde tempo atrás están a por en valor a historia de seu e remarcan o seu pasado, sexa castrexo, romano, medieval, renacentista ou barroco, Ferrol tivo ata de agora o vergoñento complexo de ser unha cidade neoclásica, ou sexa marcada pola época da Ilustración. No seu lugar dedicouse a vender difusas e pouco axeitadas mensaxes como aquel de “Ferrol ten praias, mariscos e sol” ou aqueloutro de “Ferrol, Cidade da Mar”, nunha urbe que tan só se pode velas augas da ría no peirao de Curuxeiras, mentres que a Armada, a empresa Navantia e a Autoridade Portuaria non son quen de abrir a cidade ao mar.

Neste intre Ferrol, inmerso nunha crise económica e social, ten que dar un paso adiante na pescuda das súas sinais de identidade. Para atinxir os seus sonos de futuro, ten que buscar un crecemento harmonioso e integral que conxugue o necesario progreso comercial e económico coa mellor posta en utilidade do seu Patrimonio Cultural, Industrial e Natural como motor atraínte para o sector turístico e de ocio. O século XXI está configurando cidades capaces de alcanzar unha alta calidade de vida e unha intensa capacidade competitiva, pero sen que os seus veciños perdan a memoria histórica e o equilibrio co medio ambiente e o entorno cidadán. Hoxe búscanse urbes atractivas para o visitante, que chamen a súa atención, pero sempre amosando a súa propia identidade.

Ferrol dispuxo no século XVIII da primeira Alameda galega para solaz dos cidadáns, a igrexa de San Xulián foi a primeira obra relixiosa importante que introduciu o clasicismo en Galicia, o desaparecido cemiterio municipal de Canido foi un dos primeiros camposantos españois de carácter hixienista afastado de centro da cidade e o barrio da Madalena foi o primeiro de deseño racionalista e ilustrado en España. As propias instalacións do Arsenal, as obras hidráulicas que se levaron a cabo nelas e os buques que se construíron nos estaleiros da ría foron exemplos pioneiros en España e en Europa. Semella que chegou o momento de reaccionar e de tratar de recuperar esa primacía ou polo menos de erguer de novo a nosa cidade.

(Continuará)

 

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …