A monarquía miope

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Que a monarquía española se está a afundir a pasos axigantados é algo que non se lle escapa a ninguén minimamente experto, dun e doutro lado. Por iso, os acólitos de Juan Carlos I quítanlle a este vinte anos de enriba a base de Photoshop na portada do Hola!, provocando as gargalladas de todo o mundo. Lémbrame aos últimos carteis electorais de Fraga, que case parecía que acababa de fundar Alianza Popular.

O do discurso tatexante do rei o outro día é, por suposto, un dos grandes temas deste ano que entra. Está o rei senil? Será cousa de que vaia ao oftalmólogo? Como saben, a Casa Real botoulle a culpa á escasa iluminación. A min, a verdade, que o rei estea senil tanto me ten, ou polo menos, impórtame o mesmo que a senilidade de calquera outro ancián. Mais, a verdade, que a monarquía española teña que culpar á luz ou á vista do rei para xustificar os seus balbucidos lémbrame ao neno que di que o can lle comeu os deberes.

Por outra banda, a imputación da Infanta abre un novo horizonte: canto aguantará a monarquía española esta situación? As últimas enquisas din que máis dun 60 % dos españois están a favor da abdicación de Juan Carlos e é que é normal que os cidadáns se farten dos desmandos e das correrías da familia Borbón. Tan demócratas eles, por certo, que na vida se atreverán a facer un referendo de verdade sobre o modelo político que prefire este país. Por algo será.

Eu, non lles descubro nada novo, imaxino, son republicano. Tamén son outras cousas, claro. Mais quedo cunha frase de Concha Carretero, a histórica militante comunista falecida estes días, que viña a dicir que ela quería unha república, si, pero unha de verdade, non como as de Francia ou EEUU. Pois eu quero o mesmo. Como ven, esta muller, de senil, nada tiña.

 

 

Lea también

Un ratito de moda. Belleza natural

Carlota González Navarro Siempre he pensado que para tener una buena imagen no basta llevar …