Normalización Lingüística de Narón continuará no ano 2014 realizando unha recollida de patrimonio cultural popular galego

concello de naron-10-aO Concello de Narón dispón dende o ano 2009 dun Servizo de Normalización Lingüística, situado no 5º andar do Concello. O seu labor resulta indispensable no proceso de recuperación e dinamización da lingua galega, e por iso no ano 2014 continuará realizando diferentes accións de dinamización lingüística. As liñas a seguir son a transmisión interxeracional da lingua galega e a formación lingüística da cidadanía.

Coa finalidade de dar a coñecer parte do patrimonio cultural naronés á xente máis nova, o pasado ano realizouse unha recollida de elementos propios da cultura popular galega (adiviñas, panxoliñas, nanas, contos, lendas, refráns…) coa colaboración de usuarios dos talleres de memoria realizados en diferentes parroquias de Narón, no Centro Manuela Pérez Sequeiros e na Fundación Terra de Trasancos. Tamén colaboraron a Asociación Cultural Areosa de Piñeiros, a Asociación da Terceira Idade de Pedroso e a Asociación de Veciños da Gándara.

«O nobelo do tempo en Narón»

Todo este material recolleuse nun libro titulado “O nobelo do tempo en Narón”, no que se inclúen as achegas máis significativas. De cara a este ano 2014, volverase a recompilar o patrimonio cultural popular, co fin de incluílo noutra publicación e poder ofrecelo ás xeracións máis novas.

Con esta acción contribuirase a un dos obxectivos principais do Servizo de Normalización Lingüística: incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos do termo municipal. Este servizo, subvencionado pola Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística depende da Concellería de Educación de Narón, dirixida pola concelleira María del Carmen Espada Cortizas.

Ademais do seu labor interno, o Servizo de Normalización Lingüística tamén lle presta o seu servizo a calquera persoa particular, empresa, asociación ou entidade que o demande, tanto de asesoramento lingüístico coma de tradución. e corrección de textos. Entre as funcións que desenvolve atópanse as de dinamización, asesoramento e formación lingüística.

Cursos Celga

Tamén se amplía o prazo de preinscrición dende este departamento para os cursos Celga, organizados pola Xunta de Galicia. Este ano, a convocatoria realizarase de forma conxunta entre os concellos de Fene, Mugardos e Narón, acollendo cada un deles un nivel deste curso. En Narón impartirase o Celga 2, entre os meses de abril e maio –as datas exactas están por determinar-. O prazo de inscrición permanece aberto no Rexistro Xeral do Concello de Narón ata o día 19 de febreiro. Este curso está aberto á cidadanía de toda a comarca.

 Actividades realizadas no ano 2013

Durante o ano 2013, entre as accións de dinamización lingüística a liña a seguir foi a de fomentar o emprego da lingua galega nas novas tecnoloxías, a transmisión interxeracional da lingua galega e as actividades que teñen como fin a reflexión sobre a situación lingüística e a mellora das actitudes. Ademais, debido á demanda por parte da cidadanía, realizáronse diversos cursos que trataron de dar resposta á demanda formativa.

As actividades realizadas foron as que a continuación se citan:

* IV Concurso de monólogos en lingua galega Que me dis!!

* Photocall Gústame o galego

* Día das Letras Galegas. Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño na web municipal

* Contacontos “A paisaxe de…” nas escolas infantís municipais

* Cine en galego para a mocidade

* Obradoiros sobre Rosalía de Castro

* Recollida e edición do patrimonio cultural galego: O nobelo do tempo

* Oferta formativa en lingua galega

* Competencias clave en lingua galega

* Lingua Galega de Calidade

* Felicita o Nadal en galego

* O Apalpador nas escolas infantís municipais

Toda aquela persoa que o desexe poderá poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do correo electrónico: a.pita@naron.es; ou ben no teléfono: 981 33 77 00 (extensión 1516); ou dirixirse persoalmente á Casa do Concello (5ª planta).

 

 

 

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …