As antigas pedras de armas da cidade ilustrada

FAF-1O Foro de Amigos de Ferrol envía para a súa edición un novo traballo no que dase a coñecer o estado actual de conservación das tres pedras armeiras máis antigas da cidade (século XVIII) baixo o título de “As antigas pedras de armas da cidade ilustrada.

–oOo–

Sendo Pedro Bayón o Alcalde Maior da vila, na sesión municipal celebrada o 22 de Xuño de 1778, o Concello ferrolán acordou que o escudo de armas da vila consistise nunha torre ameada de dous corpos co seu farol sobre unha pértega, con canóns, bandeiras e áncoras nos laterais da torre. Segundo a tradición, o farol e a torre do escudo puideran tela súa orixe neses mesmos elementos levantados no peirao ferrolán, engadíndose as bandeiras, áncoras e canóns por mor da declaración de Ferrol como capital do Departamento. Durante o posterior mandato do Alcalde Maior Álvarez Caballero se labraron en pedra os primeiros escudos de armas de Ferrol que aínda se conservan como sinais de identidade da cidade: os situados nas fontes de San Roque e da Fama, e o colocado na antiga Casa Consistorial.

faf-23-1

A representación máis antiga do escudo de Ferrol é a boa labra en pedra de gra do ano 1784 que, sostida por dous anxiños, remata o frontis da fonte de San Roque, hoxe desprazada do seu lugar orixinal no Campo de San Roque e restaurada o ano 2005 con pouco acerto. Dentro do escudo, de tradicional forma ovalada, aos lados da torre aparecen dous canóns e dous áncoras colocados en aspa, levando o farol na parte superior. Remátase dunha elegante acrotera de motivos vexetais, da que caen senllas sartas florais que envolven o escudo.

faf-23-2

O ano 1786 levantouse a fonte-obelisco da Fama fronte á Porta do Dique, trasladada o ano 1958 ao seu actual emprazamento fronte á Porta do Parque. Tralo acordo entre a Armada e o Concello, labráronse nas catro caras do monumento os escudos de Ferrol, España, Galicia e a Armada. A elegante talla pétrea do escudo de Ferrol, de forma de casulla, repite no seu interior os motivos da torre, a lanterna ou farol, e os dous canóns e as dúas áncoras colocados en aspa, coroándose o conxunto cunha cinta de lazo.

No ano 1787 colocouse a pedra armeira que preside o frontis do antigo Concello de Ferrol levantado no Paseo das Delicias, un casarón de estilo neoclásico que como primeira dedicación tivo a de Escola de Gramática. De tradicional forma ovalada o escudo aparece envolto por una grilanda vexetal, amosando por vez primeira dúas bandeiras cos seus mastros a cada lado da torre, mentres que de novo aparecen os canóns e as áncoras laterais. Derrubado o edificio o ano 1970, o brasón da cidade sufriu diversas vicisitudes, atopándose neste intre colocado de forma vergoñenta como floreiro de entrada no Centro Municipal da praza Sánchez de Aguilera, un edificio que leva o adxectivo de Cultural.

faf-23-3

No caso dos tres anteriores escudos de pedra, a torre está composta de dous corpos cunha porta colocada na súa parte baixa, variando lixeiramente o número de ameas de remate de ambos corpos e a colocación das ventás da torre. O farol, amplo e ben visible, aparece sempre colocado sobre unha pértega. Sempre presentes as áncoras, símbolo da cidade naval, e os canóns, símbolo da praza forte.

O que nunca aparece nestes primeiros escudos de Ferrol é o remate da coroa, ben sexa real, republicana (de pedra) ou marquesal. A coroa non apareceu no escudo ferrolán ata finais do século XIX, sen que exista razón algunha pola que se teña que colocar como timbre do brasón da cidade.

PS. Na parte esquerda da portada do antigo Concello de Ferrol (fotografía de comezos do século XX) aparece adosada unha ampla placa conmemorativa. Pregúntase ao esperto lector que é o que conmemora a devandita placa e onde se atopa hoxe.

 

 

 

Lea también

Ferrolanos-Ricardo Carballo Calero, gran pensador del regeneracionismo

Ricardo Carvalho Calero nació en Ferrol el 30 de octubre de 1910 – ( +Santiago de Compostela, 25 …