A operación Évole

Miguel AlonsoMiguel Alonso

O pasado domingo vin, como moitos outros telespectadores, a “Operación Palace” que preparou o xornalista catalán Jordi Évole. Varios días despois, non teño claro aínda se me gustou ou non.

Como moitos de vostedes saberán, Évole preparou un falso documental sobre o 23-F, no que propoñía unha teoría alternativa á “oficial”. Para iso, conseguiu que moitos políticos da época do golpe de Estado se prestasen a finxir sobre o tema. Iso si, ao final do documental, revelábase que todo era unha pura invención dos guionistas e do propio Évole.

Para que fixo isto? En principio, para demostrar que nos cremos todo o que nos din a través dunha cámara. Eu fixen o pequeno experimento de ir seguindo as reaccións ao documental en tempo real, a través das redes sociais. Tanto Twitter coma Facebook fervían ante as “revelacións” que o antigo Follonero estaba a facer.

Moitos compararon a reportaxe de Évole coa “Guerra dos mundos” de Orson Wells. É posíbel. Como lles digo, seguramente sexa o tempo o que poña no seu lugar ese traballo. Mais a min só me preocupa unha cousa: Aos dez minutos (por non dicir aos dous ou tres) eu tiña máis que claro que o documental tiña trampa, mais, ou parecer, moitísimos españois estaban nas súas casas literalmente alucinando coa emisión do programa. Eu pregúntome: este é o nivel político dos españois? É normal que crean a relación de Garci e do filme “Volver a empezar” co 23-F?

Nunha cousa importante si lle dou a razón a Évole, cando ao final do programa explicou que había que facer unha reflexión: Cantas veces nos mentiron os medios de comunicación pero non o dixeron á fin do programa? Mais tamén hai un gran defecto: A banalización do tema do 23-F. de verdade non había material para facer algo “serio”? Ou era demasiado comprometedor para La Sexta, esa cadea de “esquerdas”? Agora vostedes non me ven pero estou a escarallarme da risa pensando en La Sexta coma unha cadea de esquerdas, coas súas noxentas reportaxes sobre Cuba ou Venezuela.

Quizais o peor de todo sexa que esa banalización provoque que se etiquete de lunático a calquera dos que pensamos que detrás do 23-F hai moitas cousas que aínda non se explicaron. Por certo, iso si, como se dixo na conclusión do programa é incríbel que nun país democrático (volvo a estar morto de risa, tirado polo chan) aínda non se desclasificaran os documentos relativos ao golpe de Estado.

En resumo, gustoume o traballo de Évole? En realidade, como lles digo, aínda non o sei.

 

 

Lea también

Sabores ártabros-¿El malvado Carabel?

José Perales Garat Bueno, me voy a tener que explicar directamente con lo del malvado …

Un comentario

  1. Y digo yo?, y tu que tienes que opinar sobre cuba y venezuela,esos remansos de paz y libertad… a cualquiera le dejan poner articulos.