Ferrol Vello e o Camiño Inglés

faf-S

Ante o descoido e a falla de interese que amosa a Cidade Ensimesmada cara ao Camiño Inglés, o FORO DE AMIGOS DE FERROL, propón un itinerario funcional e historicamente máis aceptable, que evite que a ruta percorra as desleixadas rúas interiores do barrio de Ferrol Vello.

FERROL VELLO E O CAMIÑO INGLÉS

Dentro dos camiños a Compostela, as Rutas Atlánticas ou do Mar, orixinadas arredor dos portos de Ferrol e da Coruña, foron utilizadas polos peregrinos chegados das Illas Británicas e dos países flamencos e escandinavos, desde época medieval. Tiveron o seu maior arraigo nos séculos XV e XVI, debido á auxe da navegación de altura e os avances da astronomía, xunto coas crecentes relacións comerciais entre Galicia e o Norte de Europa. Na Reforma comezou o seu declive, ao ter lugar unha drástica división relixiosa en Europa, deixando de peregrinar a Santiago a maioría protestante dos pobos atlánticos.

Un dos tramos terrestres do chamado Camiño Inglés, un nome discutido e discutible, mais aceptado e sancionado de xeito oficial, leva desde os portos da ría ferrolá, Ferrol, Neda e Mugardos, ata Compostela. O Camiño Inglés, que ten a vantaxe funcional de selo único de carácter uniprovincial entre tódalas rutas xacobeas, nunca semellou entrar nos plans culturais dos sucesivos concellos da Cidade Ensimesmada. Hoxe continúa a presentar as disfuncións de sempre: un trazado mal arranxado, varios polígonos industriais en pleno itinerario e carencia de sinalización e dos axeitados paneis informativos. Mentres outros concellos, desde Neda a Betanzos, poñen en valor este camiño, Ferrol, inicio dun dos seus ramais, ata de agora amosa un total esquecemento e deixamento da ruta xacobea.

Ferrol Vello e o porto da Cruz no século XVII
Ferrol Vello e o porto da Cruz no século XVII

Ferrol non dispón dun albergue para os peregrinos, cando no seu día se puido utilizar o edificio da Casa do Mar, e hoxe se podería habilitar para iso o pavillón da cafetería Yate ou a antiga Comandancia de Mariña; os peregrinos non saben onde selar a Compostelana, podendo usar para iso a caseta de información municipal do porto, que ademais debería dispor das axeitadas publicacións da ruta; a sinalización do camiño é deficiente; non se optimizou o percorrido polo concello de Ferrol; non se puxo en valor o porto ferrolá como histórico lugar de chegada da Ruta do Mar, e así sucesivamente.

Semella un erro, tanto conceptual como funcional e estético, levar a ruta xacobea pola rúa Carmen Curuxeiras, atravesando así os peregrinos o desleixado e perigoso interior do barrio de Ferrol Vello. Cumpre coñecer que o peirao de Curuxeiras, como principal porto de Ferrol, se delineou co Arsenal mediado o século XVIII. Ata esa data era o porto da Cruz, inmediato á antiga igrexa de San Xulián, o lugar de chegada das naves que viñan a Ferrol, polo que os peregrinos realmente percorrían a rúa Espíritu Santo, onde estaba o hospitaliño dese nome fronte á igrexa parroquial.

Rúa Espíritu Santo, número 7
Rúa Espíritu Santo, número 7

Desapareceron o porto da Cruz e a vella igrexa de San Xulián por mor das obras do Arsenal, mentres que a rúa Espíritu Santo aínda mantén a súa antiga traza dun xeito máis ou menos decoroso e no número 7 da mesma consérvase o edificio, aínda que modificado, que albergou o hospital de peregrinos entre os séculos XV e XVIII. Polo tanto cumpre dirixir a ruta desde o porto de Curuxeiras cara a rúa do Espíritu Santo, pasando fronte ao edificio clasicista da Sala de Armas, subindo logo pola rúa San Francisco cara a igrexa dese nome e a capela de San Roque. Dese xeito or peregrinos evitan a abandonada rúa Carmen Curuxeiras e percorren un camiño máis estético e axeitado desde o punto de vista histórico.

Outros aspectos do Camiño Inglés que se poderían tratar noutra ocasión son o da delimitación do trazado polos barrios de Esteiro e Caranza e o seu paso pola Gándara, hoxe ocupada por un polígono industrial. Así mesmo coido que sería de interese crear en Ferrol un Centro de Estudos do Camiño Inglés, ao estilo dos existentes noutras localidades, que levase a cabo o seu labor difundindo a ruta xacobea desde Ferrol e traballando a prol dun camiño tan ligado a nosa cidade.

Entrada da rúa Carmen Curuxeiras
Entrada da rúa Carmen Curuxeiras

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …