O abandono do mosteiro de Montefaro polo concello de Ares

FAF-1O FORO DE AMIGOS DE FERROL quere chamar a atención sobre o abandono e desidia que amosa o Concello de Ares, o seu actual concesionario, cara ao convento de Santa Catarina de Montefaro.

O ABANDONO DO CONVENTO DE MONTEFARO 

Nun sobranceiro emprazamento da península de Bezoucos, a máis de 260 metros sobre o nivel do mar, o convento de Santa Catarina de Montefaro constitúe un dos principais bens do Patrimonio Cultural da comarca de Ferrol e o monumento máis importante do concello de Ares. Foi o ano 1393 cando se comezou a levantar o convento da Orde de San Francisco, patrocinado por Fernán Pérez de Andrade, construído dentro da transición do estilo románico ao gótico.

Histórico centro de control eclesiástico dos monxes franciscanos sobre una ampla zona estendida máis aló de Bezoucos, sufriu importantes reformas nos séculos XVI ao XVIII co engadido de novos claustros e a construción dunha nova igrexa e unha sólida torre barroca brasonada. Trala desamortización de Mendizábal, que tanto dano ocasionou ao patrimonio cultural, foi cedido o ano 1897 ao Exército de Terra, medida que evitou o seu espolio pero que tamén orixinou alteracións na súa integridade.

faf-28-1Da fábrica inicial tan só conserva unha notable portada de arquivoltas apuntadas e capiteis historiados. Son de interese as desleixadas pinturas murais renacentistas do claustro oriental e o fermoso retablo barroco da igrexa. Ademais dos restos arrombados polo edificio, no Museo Arqueolóxico da Coruña atópanse unha serie de notables pezas artísticas, como a lápida fundacional co escudo dos Andrade, a cruz cumial colocada sobre un porco bravo e unha serie de interesantes doelas e capiteis historiados.

Desafectado o ano 2000 polo Ministerio de Defensa, o convento de Montefaro foi cedido ao concello de Ares que, tras unha desafortunada xestión inicial, encargou a súa posta en valor a unha asociación cultural que polo menos permite a visita do edificio, hoxe en mal estado de conservación. Unha recente decisión ministerial ampliou catro anos a cesión do uso do convento, xunto coas baterías de Segaño e Coitelada, ao concello de Ares. Aínda que en principio esta decisión se podería estimar unha boa noticia para o convento de Montefaro, non semella que o devandito concello de Ares sexa quen de lograr unha conservación integral deste monumento, tanto pola falta de interese e coñecementos como pola carencia de medios económicos e materiais para iso.

faf-28-2Nun recente traballo sobre Santa Catarina de Montefaro, publicado pola Asociación de Estudios Históricos de Galicia,os investigadores Carlos de Aracil e Juan J. Burgoa fan unha completa descrición do convento de Santa Catarina e percorren a súa historia, insistindo na imprescindible necesidade de levar a cabo un serio Plan Director de Xestión e Usos do mesmo, que inclúa as obras necesarias de rehabilitación e restauración, dentro do debido rigor histórico e o obrigado respecto cara as súas características, así como a posterior posta en valor do monumento.

Entre os temas prioritarios está a restauración das pinturas murais renacentistas, a rehabilitación do notable retablo barroco e as súas imaxes, e a reparación das estatuas de pedra e outras pezas gardadas en diversos lugares do edificio. Unha vez rehabilitado o convento, habería que pensar na recuperación das citadas pezas artísticas do antigo convento, que a principios do século XIX foron levadas ao Museo Arqueolóxico da Coruña. Ante a desidia do Concello de Ares, o problema consiste en saber cal podería sela institución, con medios e coñecementos axeitados, encargada de levar a cabo estas accións.

Lea también

Neda premia un año más a los mejores lectores de la biblioteca municipal

La Biblioteca municipal de Neda ha celebrado el Día Internacional del Libro distinguiendo, como viene siendo …