O Camiño Inglés, a Batalla de Brión e as «Meninas» de Canido

burgoajjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

O CAMIÑO INGLÉS

Este luns Ferrol , día 15, vai a ser a sede dunha novidosa actividade: un grupo internacional formado por membros da entidade inglesa INTO (International National Trusts Organizatión) e da entidade galega Tesouros de Galicia, tras unha xuntanza con membros da Deputación da Coruña e do Concello ferrolán, iniciarán desde Ferrol o percorrido do Camiño Inglés que en varias xornadas os levará desde Ferrol a Compostela.

Trátase dunha interesante iniciativa a prol de promover e poñer en valor o Camiño Inglés, que pronto debe ter resultados tanxibles para que sexa algo máis que unha declaración de intencións. No que a Ferrol atinxe é necesario que o porto de Ferrol, lugar de comezo do Camiño, teña un albergue (que non un hotel) de peregrinos; que se delimite e sinalice de xeito claro o Camiño por Ferrol Vello (pasando pola rúa Espíritu Santo na vez da desleixada rúa Curuxeiras), os barrios de Esteiro e Caranza, e o polígono da Gándara; e que na primeira ocasión se faga un Congreso sobre o Camiño Inglés, tendo especialmente en conta a pouco estudada Ruta Marítima, entre outras cousas que cumpre facer.

A BATALLA DE BRIÓN

Foron moitos os historiadores e escritores que trataron nas súas publicacións a chamada batalla de Brión ou sexa o desembarco inglés nas praias de Doniños e San Xurxo: Montero Aróstegui, Nicolás Fort, Francisco Suárez, Guillermo Escrigas, Carlos Martínez-Valverde, Indalecio Núñez e Pedro Fernández, Ramos Ardá, Eduardo Fra Molinero, Santiago González-Llanos e últimamente Miguel Ángel Fernández. Nas súas obras adxudican unha importancia diferente e totalmente dispar ao papel xogado polas forzas da Armada, do Exército de Terra, dos cidadáns de Ferrol e dos veciños de Brión na derrota e retirada das forzas inglesas, feito este último no que si están de acordo.

burgoa-14-a
A historia nunca foi unha ciencia exacta. Particularmente eu creo máis na sabedoría e a enxunlla das coplas populares, como as que recolle Domingo Díaz de Robles no Anuario Ferrolano para 1903, ou, aínda mellor, na representación de monumento á Batalla de Brión, feito polo escultor Guillermo Feal, que amosa un fusil, unha espada, un machado e uns remos, simbolizando como os auténticos traballadores da pedra saben facelo, a unión no combate contra os ingleses dos mariños, os soldados, os homes do campo e os mariñeiros.

Por certo, o pasado 26 do mes de Agosto, aniversario da batalla de Brión, ningún dos participantes e comparsas asistentes aos fastos do marqués de Amboage lembrou aos heroes de Brión no seu monumento situado no Baluarte de San Juan.

AS “MENINAS” DE CANIDO

burgoa-14-bFai anos que os pintores Eduardo Hermida e Avelino Castro levaron á cabo unha boa causa que bautizaron como as “Meninas” de Canido, para chamar a atención do grao de desleixo e o estado ruinoso no que se atopaban moitas vivendas do barrio alto da cidade. Foron numerosos os pintores de Ferrol, e tamén foráneos, que participaron nas oportunas e interesantes primeiras edicións.

Pasados os anos esta actividade foi esmorecendo, mentres se ían descolgando coñecidos pintores de Ferrol, e nunha pirueta política converteuse nunha anódina ruta turística mesmo incluída dentro da programación da recente e infumable Feira de Turismo Industrial, ata que nesta última edición se tratou de conseguir certo recoñecemento internacional.

Xa non é a hora dos pintores no barrio: o que agora necesita Canido é a presenza de políticos sensibles ás necesidades do barrio, arquitectos, mestres de obra e empresas construtoras.

Lea también

Fibromialgia reumática. Homenaje al asociacionismo de la mujer

 Se cumplen 30 años desde que la organización Mundial de la Salud declarase a la …