Comeza a tramitación de ingreso de usuarios no centro de día de Ares

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comezou onte mércores, día 1,  a tramitación do ingreso dos futuros usuarios do centro de día de Ares. Cara a mediados de mes se incorporarán ao centro as persoas usuarias, dependendo a data da súa organización persoal ou familiar.

Ao mesmo tempo, dende onte o novo centro de día ten as súas portas abertas en horario de 12 a 17 para que as persoas interesadas poidan solicitar información e visitar as instalacións.

Este novo servizo oferta 40 prazas e pertence á rede de centros de atención a persoas maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Estes centros defínense como servizos socio-terapéuticos e de apoio ás familias que ofrecen unha atención terapéutica integral promovendo a autonomía persoal e a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual dos beneficiarios.

O centro de día de Ares contou cun investimento por parte da Administración autonómica de máis dun millón de euros e o Consorcio vén de realizar as obras da acometida eléctrica cun investimento cercano aos 15.000 euros.

 O de Ares é o terceiro centro de día do Consorcio na comarca de Ferrol, onde conta con outro centro de día de 40 prazas no Concello de San Sadurniño que abriu en setembro de 2010 e outro de 80 prazas no Concello de Ferrol que entrou en funcionamento o pasado mes de outubro.

Lea también

San Sadurniño dispón dunha nova canle de Whatsapp

Un medio de información que vén sumarse ás distintas plataformas municipais coa finalidade de que …