Concerto de «Luar na lubre» no Pazo da Cultura de Narón

luar na lubre
El xoves, día 13, ás 20.30 horas o Pazo da Cultura de Narón vístese de gala ante  o concerto de música celta «Mar maior» a cargo do grupo «Luar na lubre» e que leva o nome do seu novo traballo.

Prezo das entradas 9,50 € / Abonados – Carné Xove ou de Estudante (ata 25 anos) – Desempregados: 6,65 €. O teléfono para a taquilla: 981.102.897

LUAR NA LUBRE

No ano 1986 nace «Luar na lubre» na cidade de A Coruña converténdose co paso dos anos e o seu teimoso traballo nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza.

O traballo que desenrola a banda está enfocado dende a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego. O grupo pretende que na Galiza predomine a súa cultura aínda que non rexeita influenzas que melloren a súa proposta sen deturpar o carácter central do seu proxecto.

O proxecto baséase fundamentalmente nas músicas de raíces galegas polo que dedican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.
Concertos e Mike Oldfield

CON MIKE OLDFIELD

«Luar na lubre» é hoxe en día a banda máis internacional da Galiza así pois dende Palestina a Canadá e dende Arxentina a Alemaña levan percorrido parte do planeta levando a cultura e a música da nosa terra a través da súa proposta.

No ano 1992 coñeceron ao músico británico Mike Oldfield para o cal ofreceron un concerto privado nunha coñecida sala de concertos coruñesa. Dese improvisado concerto saiu unha amizade que aínda perdura e que se traduciu nunha relación que levou a Mike a facer unha versión de «O SON DO AR» composición de Bieito Romero, un dos temas máis emblemáticos de Luar Na Lubre e título do que no 1988 foi o seu primeiro L.P. Mike incluíuno no seu C.D. «Voyager» (1996) como tema 1.

Isto foi determinante na carreira de Luar Na Lubre sendo un gran impulso á súa proposta que medrou cando o propio Mike os convidou no 1999 a realizar a xira «Then & Now» por diferentes cidades do estado con grande éxito e confirmándose como grupo «revelación».

MAR MAIOR

Ben saben galegos e irlandeses nas dúas beiras da gran baía do Mar Maior que nas súas terras azoutadas polo salitre non é onde acaba o mundo, senón onde o gran océano comeza.Para os fisterrás atlánticos endexamais o mar foi unha fronteira, senón un camiño de ida e volta, de intensa efervescencia e intercambio cultural. Neste Mar Maior levan traballado durante séculos os mariñeiros galegos que pescan no Gran Sol e dende tempos prehistóricos este é o gran mar dos Milesios, os descendentes de Mil, ao cal a tradición irlandesa considera o pai ancestral desa nación.

«Luar na lubre» viaxa no seu novo traballo á Idade Media para agasallarnos cunha combinación destas dúas grandes culturas por medio de fermosos anacos das súas representacións literarias máis importantes e recoñecidas: a lírica galaico-portuguesa e a literatura gaélica medieval.

A lírica galaico-portuguesa desenvolveuse principalmente en terras de Galicia e Portugal entre os séculos XII-XIV. Esta lingua vernácula recollía tradicionalmente o folclore, a sabedoría do pobo, que cantaba os seus amores, traballos e penas en diferentes composicións orais transmitidas de xeración en xeración, como son as cantigas, os romances ou os cantares de traballo. Mais a nosa lingua deu un pulo cando os grandes trobadores e xograres “lla roubaron ” á lírica popular para compoñer os seus cantos. Recollendo tanto a temática xa existente, como aquela que proviña dos trobadores provenzais grazas ao Camiño de Santiago, estas novas cantigas acadaron a grande fama que merecen grazas aos xograres Martín Codax, Mendinho ou Airas Nunes, pero tamén grazas aos reis-trobadores Don Denís e, especialmente, Afonso X “O Sabio”, que contribuíu coas súas Cantigas de Santa María a que o galego-portugués se convertese nunha lingua de cultura máis aló das terras galegas.

Lea también

O BNG de Narón presenta unha moción sobre vivenda

O BNG de Narón presenta unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, …