San Sadurniño prorroga os prazos polas vivendas de Naraío e Bardaos

concello san sadurniño 30-6
Hai un mes que rematou o prazo para presentar propostas económicas polas escolas do Eirexado e As Loibas rehabilitadas polo Concello como vivendas. Tras quedar desertas as anteriores convocatorias, agora a XGL aprobou prorrogar os prazos automaticamente de mes en mes ata que apareza quen as compre. O procedemento publicarase no BOP e no Perfil de Contratante nos próximos días.

O sistema de venda rexerase exclusivamente polo criterio do prezo máis alto. A vivenda de Naraío sae a poxa por un prezo base de licitación de 77.552 euros, mentres que a de Bardaos ten un prezo de saída de 75.248,80 euros. As persoas interesadas en adquirir algunha das dúas casas deberán presentar a súa oferta económica na folla normalizada incluída nos pregos que se poden descargar desde o Perfil de Contratante, ademais de achegar noutro sobre á parte a documentación administrativa requirida.

Para optar á poxa será imprescindible que a persoa estea empadroada en San Sadurniño antes do remate do prazo de presentación das propostas. Outro requisito é que non pode ser titular de ningunha vivenda no termo municipal de San Sadurniño con referenza á data de aprobación dos pregos por parte da Xunta de Goberno Local.

Poderase optar á compra de calquera das dúas vivendas e incluso ás dúas.
Porén, se unha persoa resultase ser a máxima postora para as dúas casas, debería elixir con cal quere quedar xa que só poderá mercar unha mentres que a outra se lle adxudicaría á seguinte proposta máis alta. No caso de que houbese un empate entre ofertas terá prioridade a persoa que resida na mesma parroquia onde estea o inmoble.

¿COMO SON AS CASAS?

A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e ten 72 metros cadrados en planta baixa. Está asentada nunha finca pechada de 425 metros na que, ademais, hai espazo para xardín e un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos. No interior leva sitio para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que caldea a casa tan só cunha raiola.

A de Bardaos está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 128 metros cadrados. No interior ten unha grande sala para cociña-comedor, un aseo e unha despensa que comunica coa zona da horta -a casa ten 560 metros cadrados de finca-. No primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

Calquera persoa que estea interesada en adquirir algunha das casas pode ir velas tanto por dentro como por fóra. Só ten que chamar ao Concello en horario de mañá -981 490 027- e concertar unha visita.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …