Ferrol e Mondoñedo. Menos irmandamento e máis unión

burgoa-211114Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

A diocese de Mondoñedo naceu no comezo da cristianización de Galicia, da man de San Martiño de Dumio como igrexa da comunidade de Bretoña mediado o século VI. No século IX, por mor das incursións musulmáns, a diocese pasou a San Martiño de Mondoñedo, preto de Foz. Nos séculos seguintes San Rosendo e San Gonzalo foron os seus bispos máis coñecidos e o ano 1219 a sé episcopal asentouse na vila de Mondoñedo, ata que o ano 1959 compartiu a capitalidade con Ferrol.

Chegado o século XX, por mor dos cambios levados a cabo en España trala firma en 1953 do Concordato entre o Vaticano e o Estado Español, revisáronse as estruturas diocesanas para adaptarse ás circunscricións civís. Por unha bula de 9 de marzo de 1959 do papa Juan XXIII variáronse os límites territoriais de varias dioceses e se crearon novas sés. Deste xeito, coa elevación a Concatedral de varios templos, establecéronse dobres capitalidades e novas denominacións para sete dioceses, entre elas as de Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol.

O tempo foi evolucionando e aínda que neste intre Ferrol non está nos seu mellores momentos de prosperidade, Mondoñedo está indo claramente a menos, cada vez máis illada desde o punto de vista das comunicacións dentro de Galicia. Deste xeito o Bispo da Diocese permanece a maior parte do ano na Domus Eclessiae de Ferrol, cidade da que neste intre se pode dicir que leva o peso específico da Diocese, aínda más cunha emerxente Semana Santa de amplo recoñecemento fora de Galicia.

BURGOA-1-A

Mondoñedo dispón dunha artística Catedral que incorpora desde o ano 1969 un notable Museo Catedralicio, ademais de Diocesano. Integrado na Catedral ocupa unha serie de salas no Triforio da mesma e parte do Claustro, salientando no mesmo notables coleccións de escultura e pintura relixiosa. Se Ferrol dispuxese do axeitado lugar para iso, deberíase pensar no acomodo aquí daquelas pezas museables que dalgún xeito teñen que ver coa cidade naval e a súa comarca. O mesmo  criterio cabe aplicar á documentación do Arquivo Histórico-Diocesano.

Noutras condicións de menor parálise mental dalgúns prebostes municipais dun lado e doutro da fronteira do Ponte das Cabras (Ferrol e Narón) poderíase pensar no mosteiro de San Martiño do Couto como o lugar idóneo para albergar o museo. O devandito mosteiro, como xa se apuntou noutras ocasións, podería ser tamén o Museo e Centro de Estudos de dous camiños históricos de peregrinación que transcorren polo lugar: o Camiño Inglés e o Camiño Vello de Teixido. Desde logo sería unha forma de por en valor un monumento como o mosteiro de Xuvia.

BURGOA-1-B

Por outra banda, nestes próximos días os de sempre van a celebrar os fastos dun irmandamento que cumpre oficialmente unha década. Os políticos terían que facer unha seria reflexión sobre este tema e lograr que aquel histórico Camiño Real que unía Ferrol e Mondoñedo, lembrado por Álvaro Cunqueiro, sexa realmente algo máis que a quimera de ámbalas dúas corporacións e dos seareiros culturais dun e outro lado da diocese. Máis unión de verdade e menos irmandamento.

 

 

Lea también

Sabores ártabros-Un cocido en tres horas y cuarenta minutos, más o menos

José Perales Garat Pues ya llegó el frío, sí… ¡Vaya si llegó!: Por una serie …