TEGA mantivo un encontro con veciños do Alto do Castiñeiro

naron-tega-16O equipo de Terra Galega Narón desprazouse este sábado, día 16, ata o Alto do Castiñeiro, onde tivo lugar un dos actos de campaña do partido. Os candidatos Mercedes Taibo e Pablo Mauriz repasaron algunhas das intervencións que TEGA levou a cabo na parroquia durante o último mandato e o secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, defendeu o traballo realizado polo cuatripartiro naronés e apostou polo mantemento das liñas políticas do partido, que hoxe é unha referencia en Galicia, tal e como subliñou. “O candidato do Partido Popular non se move por Narón, só ven ao Concello, porque non se pode dicir que o municipio está paralizado cando no ano 1989 había 20.000 habitantes e hoxe máis de 40.000”, recalcou. Sánchez Fojo asegurou que o que debe facer o PP é “poñerse a traballar, e se queren gañar as eleccións o día 24 de maio que o fagan coa verdade, cos seus proxectos, pero non coas mentiras”.

Na súa intervención, o candidato de Terra Galega, José Manuel Blanco, fixo especial fincapé no retraso que acumula a construción do novo centro de saúde. “O goberno local realizou o seu traballo e así o recoñeceu publicamente o Servizo Galego de Saúde ao asegurar que os nosos compromisos estaban cumpridos desde abril de 2013, por iso agora o PP non fala deste tema ou faino mentindo”, asegurou. Blanco subliñou que o único que impediu desde entón o inicio dos traballos foi o feito de que a Xunta, gobernada polo PP, non priorizase esta actuación tan necesaria no concello. “No último ano o Partido Popular contratou quince novos centros de saúde en Galicia; catorce faranse en concellos gobernados por eles e o outro nun do PSOE. É unha lástima que non haxa cartos para facer o de Narón mentres a outros concellos con menos poboación, como Barbadás, con 9.000 habitantes, lles construirán un centro de saúde orzamentado en 3,6 millóns de euros”, denunciou Blanco, ao tempo que criticou o feito de que “o deputado e candidato Miguel de Santiago e o parlamentario Hipólito Fariñas non fixeron absolutamente nada a pesar desta discriminación”. Fronte a esta pasividade, Terra Galega continúa traballando e a finais desta mesma semana adxudicábanse as obras de adecentamento e derribo da vivenda ubicada nunha superficie próxima á reservada para o novo centro de saúde. “Aí habilitarase unha gran área de estacionamento e tamén unha zona verde que se unirá ao parque do río Freixeiro”, anunciou Blanco.

Entre as prioridades de Terra Galega para o Alto do Castiñeiro está seguir instando á Xunta a construír un colexio de Primaria no barrio, que tan só conta cun Colexio Rural Agrupado. “Agora o PP promete que construirá o colexio se goberna no concello, pero que fixeron o deputado e o parlamentario naroneses para reclamar estas instalacións nos últimos catro anos? Absolutamente nada, cando poderían ter advertido polo menos ao seu partido da urxencia desta demanda”, apuntou o candidato de TEGA en Narón.

O cabeza de lista de TEGA explicou aos asistentes ao mitin que a parroquia será obxecto de novos investimentos para mellorar as conexións da zona urbana porque o Alto “será o centro urbano do Narón do futuro”. Blanco repasou tamén algunhas das actuacións acometidas nos últimos anos con esa mesma finalidade de mellorar a comunicación do Alto coa Finca de Arzúa e a zona da Faísca.

Finalmente, o candidato de TEGA fixo un chamamento á participación na xornada electoral do vindeiro domingo, día 24, e pediu o voto para o seu equipo, para continuar avanzando e traballando polo futuro de Narón e dos naroneses e naronesas.

 

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …