Villamar defende a colaboración con outras administracións

naron-bng-18O candidado do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Narón, Pablo Villamar, defendeu este luns, día 18, en Sedes a necesidade de que as administracións colaboren na execución dos proxectos importantes para o concello. Este traballo conxunto, porén, non foi ao longo deste mandato que remata todo o intenso que debera, cando menos no que respecta ao Concello de Narón, que “só recibiu cambadelas, cando non o boicot, por parte das administracións nas que goberna o Partido Popular”. Villamar sinalou como exemplos o caso do centro de saúde comprometido por Núñez Feijóo en 2012 ou a negativa da Xunta de se facer cargo da xestión das escolas infantís construídas con cartos municipais.

Un dos proxectos nos que vai facer falla a colaboración entre administracións é o saneamento da zona rural, para cuxa finalización farán falta arredor de 15 millóns de euros. Villamar dixo en Sedes que esta é unha das ideas forza coas que o BNG-Asembleas Abertas concorre ás eleccións do vindeiro domingo e explicou que, aínda que as obras están avanzando, non o están en todas as zonas do rural por igual, polo que considera “prioritario facer un esforzo para rematalas no prazo máis breve posíbel”.

O portavoz nacionalista destacou a actuación dos dous concelleiros do BNG á fronte das áreas de Xestión Orzamentaria e Promoción Económica e de Muller, Igualdade e Promoción Social. “Fomos quen de garantir a axudas ás persoas con máis necesidades e, ao mesmo tempo, pór en orde as contas do Concello, reducindo a débeda bancaria á metade e controlando o gasto enerxético, entre outras medidas”.

Villamar volveu pedir á veciñanza de Sedes en particular e de Narón en xeral o seu apoio o vindeiro domingo. “Somos conscientes de que a crise persiste e que, sen ánimo de ser triunfalistas, cremos que o camiño da racionalización dos recursos e da protección social están garantidos, por moito que o PP se empeñe en mentir aos naroneses”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …