Villamar di que a posición do PP respecto do centro de saúde non precisa comentario

naron-bng-22O candidato do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Narón, Pablo Villamar, asegurou na tarde deste venres, día 22,no acto de peche de campaña en Santa Icía que a posición do Partido Popular a respecto da construción do novo centro de saúde “non precisa de comentarios”, logo de que o xoves o grupo parlamentar “popular” votase en contra dunha proposta que reclamaba o inicio das obras.  “A actitude do PP en xeral e do señor Hipólito Fariñas en particular non pode cualificarse doutro xeito que de hipocrisía”, dixo antes de engadir que “están a contradicirse a si mesmos”.

O feito de recoñecer que o centro de saúde é unha necesidade para o Concello deixa en evidencia á Xunta de Galiza”, explicou o portavoz nacionalista, “que é a quen lle corresponde mover ficha”. Villamar lembrou que o primeiro protocolo entre a administración local asinouse en 2008 –cando gobernaba en Narón o PP e TEGA- e o segundo en 2012, pouco antes das eleccións autonómicas, “mais non foron quen de darlle para adiante a ningún deles, malia que o Concello cumpriu coa súa parte do trato”. Así, o candidato do BNG-Asembleas Abertas sinalou que a formación nacionalista entrou a gobernar a finais de 2011 de que en xaneiro do ano seguinte o Concello xa puxera a disposición da Xunta os terreos para construír o ambulatorio.

Villamar pechou o acto en Santa Icía repasando os tres anos e medio no goberno local do BNG e avanzando as que serán as liñas mestras no caso de que a formación nacionalista consiga a Alcalcía. “O primeiro van ser, como xa o foron neste mandato, as personas; nada de cemento e grandes proxectos, é o tempo de protexer as persoas, de lles asegurar o acceso aos servizos básicos”, subliñou. Así, o Bloque revisará os requisitos para a bonificación nas taxas municipais, como as da recollida do lixo ou o abastecemento de auga, posto que as actuais, sostivo, “non se axustan á realidade económica de moitas familias”.

O portavoz nacionalista tamén falou do saneamento na zona rural –que precisará de acordos con outras administracións- e dun plan de mobilidade que necesariamente ha de incorporar o futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, en proceso de elaboración. “Ben sabemos que Narón non é Pontevedra, mais si podemos asumir determinados aspectos, como a importancia do peatón nos espazos urbanos. O peatón”, insistiu, “ten que ser o dono das rúas”. Ese plan de mobilidade permitiría, dixo, “rematar dunha vez por todas coas barreiras arquitectónicas e que non houbera veciños e veciñas de Narón que non poidan moverse con normalidade pola cidade”.

Nesa liña, Villamar apostou por peatonalizar determinadas rúas do núcleo urbano e, aproveitando que o acto se desenvolvía no barrio, precisou que Santa Icía-A Solaina sería “un bo lugar para estudar esta posibilidade que nós cremos –e así o demostra a experiencia doutras cidades- que sería beneficiosa para toda a veciñanza”.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …