Nova e interesante publicación «Homenaxe a Ferrol Vello»

ferrol vello-22(Por  F.T.V.)

Os investigadores Juan J. Burgoa e Guillermo Llorca presentarán o próximo xoves día 25 ás 8 da tarde no Salón de Actos da Autoridade Portuaria de Ferrol a publicación «Homenaxe a Ferrol Vello» , unha obra de Edicións Embora, patrocinada polo Concello de Ferrol e a propia Autoridade Portuaria.

Ao longo das 250 páxinas da publicación os devanditos Guillermo Llorca e Juan J.  fan un percorrido pola historia e o patrimonio de Ferrol Vello, acompañados dunha serie de estudosos e coñecedores do barrio ferrolán: Pilar Blanco, Ana Martín, Rosa Méndez, Alfredo Alcalá, Jorge M. Deza, Fernando Dopico, Justino Fernández Negral, Eliseo Fernández, Bernardo Máiz, Alberto Moreno-Bermúdez, Álvaro Porto e Juan A. Rodríguez-Villasante, ademais dos pintores Juan Rodríguez Soto, autor da portada e contraportada do libro, e Julio Ferrín, autor das diferentes ilustracións dos lugares emblemáticos do barrio.

O traballo parte da consideración de que a historia de Ferrol e o seu Patrimonio Cultural se escribe tendo en conta a historia dos seus barrios. Nun intre no que o fulgor neoclásico de Ferrol da Ilustración puidera cegalos nosos ollos, esquecendo outras épocas e outros barrios históricos, coido que é o momento de lembrar ao barrio de Ferrol Vello que vai sufrindo de forma paulatina a perda do seu patrimonio material e intanxible.

En contraste coa urbe racional, creada no século XVIII arredor do Arsenal Militar polos barrios de nova planta da Madalena e de Esteiro, artellados pola Alameda, atópase o antigo barrio de Ferrol Vello formado no medievo, dedicado á pesca e á salgadura en contraste co outro barrio histórico, o barrio alto de Canido, dedicado á agricultura.

Ao longo da publicación faise un percorrido pola historia medieval e moderna do barrio, pola antiga igrexa parroquial de San Xulián de Ferrol, polo Pazo da Mercede, pola identidade das súas rúas e prazas, polas súas festas e tradicións, pola historia das instalacións portuarias, das súas lanchas e embarcacións, polo estudo dos seus topónimos e apelativos, polo seu Patrimonio Industrial, o sindicalismo e a cultura do traballo, polo pasado, presente e futuro do barrio desde o punto de vista do Urbanismo e a Arquitectura, e pola visión dos escritores e poetas.

Como escriben os seus autores, aquí está o patrimonio histórico e inmaterial de Ferrol Vello. Agora teñen que actuar os poderes públicos e a iniciativa privada para a rehabilitación do barrio, as súas rúas e as súas construcións.

A progresiva entrada en función do porto exterior ferrolán va a traer consigo un amplo espazo libre, lugar que se deberá destinar de forma axeitada ao uso cidadán, recobrando o estreito contacto coa mar que tiñan os veciños tempo atrás, sempre tendo en conta que as fachadas marítimas e os barrios costeiros son lugares moi fráxiles e sensibles ás posibles actuacións. Quizais algún día Ferrol irá deixando de ser unha cidade simplemente costeira para ser unha cidade realmente aberta ao mar.

 

 

Lea también

El Campus de Ferrol acoge la comisión de seguimiento de la cátedra de arqueología

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistió este jueves 18 a una nueva …

Un comentario

  1. Efectivamente, el libro es fenomenal.

    Hacemos envíos

    Central Librera
    calle Dolores 2
    15402 Ferrol
    Tfno 981 352 719
    Móvil 638 593 980
    centrallibrera@centrallibrera.com