A Editorial Ferrolá Céltiga (1921-1923)

foro amigos ferrol-1O Foro de Amigos de Ferrol quere lembrar á Editorial Céltiga, que fai case un século levou a cabo un estimable labor de difusión da Cultura Galega en Ferrol.

          —ooOoo—

O ano 1921, no seo das Irmandades da Fala de Ferrol, fundouse a editorial Céltiga, dedicada á publicación de obras na lingua galega. O seu fundador, Xaime Quintanilla, desenvolveu un extenso labor xornalístico e teatral, dirixiu o cadro de declamación do coro Toxos e Flores e colaborou coa maioría das asociacións culturais de Ferrol.

Na súa curta vida a editorial Céltiga, publicou entre os anos 1921 e 1923 un total de 16 títulos, editados na imprenta El Correo Gallego do número 139-141 da rúa Real. A editorial comezou a súa andaina publicando tres obras de teatro, entre elas Alén de Xaime Quintanilla, e Mal de moitos e Trato a cegas de Charlón e Hermida.

O primeiro traballo editado por Céltiga o ano 1921 foi a comedia dramática Alén, obra de Xaime Quintanilla Martínez (1898-1936), a primeira obra teatral escrita en galego que ten lugar no ámbito dunha cultura allea, tratando dese xeito o autor de demostrar que no idioma do país se podían tratar temas non especificamente galegos.

burgoa-5-7-a

Publicáronse logo Mal de moitos e Trato a cegas, obras conxuntas de Euxenio Charlón Arias (1889-1930) e Manuel Sánchez Hermida (1888-1940), coñecida parella ferrolá de escritores e actores. Os chamados parrafeos eran unha especie de sainetes satíricos con dous personaxes falando unha prosa festiva. Na primeira un vello patrucio e un mozo ridiculizan aos que deixan o uso da lingua galega mentres que a segunda narra a historia de dous falsos cegos que piden esmola. Foron previamente estreadas no Teatro Jofre, en senllos festivais organizados polo Coro Toxos e Froles, entidade á que ámbolos escritores pertencían, sendo eles mesmos os protagonistas.

A partires de marzo de 1922, co subtítulo de “Novela mensual ilustrada”, editouse unha serie de 13 libriños. Neste segundo ciclo publicáronse as novelas curtas Saudade de Xaime Quintanilla, A custureira de García Pereira, Semprenoiva de Cabo Pastor e dous novos parrafeos de Charlón e Hermida, Axúdate …. e O menciñeiro.

Saudade foi a única novela publicada por Xaime Quintanilla (1898-1936), saída do prelo en 1922 cunha portada de Imeldo Corral. A obra amosa a historia sentimental da transformación do amor en saudade incurable que sinte Beta por Luis, o seu home emigrado, e ten como obxectivo exaltar os valores tradicionais do pobo galego.

Outra obra dos devanditos Charlón Arias e Sánchez Hermida, foron os parrafeos Axúdate …. e O menciñeiro, dúas pezas teatrais dun acto, coa cuberta debuxada por Álvaro Cebreiro. A primeira delas narra a historia de dous soldados que fan o servizo militar en Ferrol, mentres que na segunda cóntanse as aventuras do tío Minixildo que traballa de zapateiro e exerce de menciñeiro.

Unha romántica historia de amor dentro do realismo decimonónico foi A custureira, publicada por Nicolás García Pereira (1900-1934), novelista e autor teatral de curta vida nacido en San Xoán de Filgueira. A narración, ilustrada por Carmelo González, amosa a riqueza da fala popular, contando a historia do triángulo amoroso formado por Fiz, un fidalgo literato, Catuxa e Madanela.

burgoa-5-7-b

Pechou a colección a noveliña costumista Semprenoiva, da autoría doutro ferrolán, o médico e poeta Francisco Cabo Pastor (1872-1973), membro do movemento galeguista. A novela, escrita en prosa intercalada de varios poemas, narra os amores de Hermosinda, unha moza que o autor compara coa flor chamada semprenoiva, que florece todo o ano e que nunca se pon murcha. A orixinal cuberta co tradicional escudo de Galicia, representando o Graal, foi obra de María Cabo.

Os autores das atractivas ilustracións das portadas dos diferentes exemplares foron coñecidos artistas de modernas tendencias pictóricas e relacionados coas ideas da galeguidade, caso dos ferroláns Camilo Díaz Baliño, Bello Piñeiro, Valentín Castro, María Cabo, Carmelo González e Imeldo Corral.

A grande difusión destas obras da editorial Céltiga debeuse á creación dunha ampla  lista de correspondentes en Galicia, Madrid, Bos Aires e A Habana, así como unha completa rede de puntos de venta no propio Ferrol, a imprenta El Correo Gallego, os establecementos Paramés e Bruquetas e os quioscos Comadira e Central. Tamén firmas coñecidas do comercio local publicaban os seus anuncios en galego como Rafael e Vicente, Julio F. Couto, Viúva e Fillos de Pedro Fernández, Romero Irmáns ou Saturnino Montalbo.

A edición da colección Céltiga significou un salientable fito cultural no Ferrol de comezos do século XX, iniciativa que ata hoxe ningunha institución ferrolá foi quen de imitar. Cumpre recuperar a obra literaria dos esquecidos poetas ferrolás, Nicolás García Pereira e Cabo Pastor, ademais do literato e autor teatral, logo Alcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla.

Do mesmo xeito, coidamos que o Real Coro Toxos e Froles, no seu centenario, debe ter unha cumprida lembranza de Sánchez Hermida e Charlón Arias, autores e intérpretes dos seus coñecidos parrafeos, e impulsores de Irmandades da Fala en Ferrol, ademais de distinguidos membros do devandito Coro.

 

 

 

 

 

 

 

Lea también

Neda celebra las XIX jornadas literarias poniendo el foco en «Trazos de Xapón»

«Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita” que reunirá los días 25, 26 y 27 a …