150 anos de Benito Vicetto e outros fastos culturais

 

burgoa-211114jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

Benito Vicetto Pérez, periodista, historiador, dramaturgo e novelista, nacido na rúa da Cárcere de Ferrol o ano 1824, foi militar, oficial de prisións, director da Real Fábrica de Moeda de Xuvia e funcionario de Facenda. Salientou especialmente o seu traballo como historiador, publicando a súa coñecida obra en sete tomos “Historia de Galicia”, que abarca desde a Prehistoria ata o reinado de Isabel II.

Benito Vicetto, que dirixiu as publicacións “El Clamor de Galicia” e “Revista de Galicia”, tivo unha grande importancia dentro da evolución do Rexionalismo galego e un papel fundamental no renacemento da historiografía de Galicia.

HISTORIA DE GALICIAAínda que para os seus críticos, Benito Vicetto está máis cerca da novela histórica, na que prima o romanticismo e a imaxinación, que dun estudo crítico feito con rigor e metodoloxía, non se pode negar co seu inxente traballo o autor fixo posible o rexurdimento do rexionalismo galego e, no caso particular de Ferrol, aportou moitos datos e documentos de interese para a historia da nosa cidade.

Este ano celébrase o 150 aniversario da publicación do primeiro tomo da devandita “Historia de Galicia”, editada pola imprenta ferrolá de Nicasio Taxonera o ano 1865. Por mor dunha celebración tan sinalada, polo menos unha entidade ferrolá, a Biblioteca Municipal da cidade, tivo a xusta e merecente, aínda que demasiado cativa, lembranza cara ao historiador ferrolán.

IMPRESIÓNS DUN FTV

De volta dunha viaxe a terras mediterráneas, leo na prensa algunhas novas desta cidade:

1 Comida dos Almirantes. Desde fai varios anos un simpático grupo de xubilados e ociosos ferroláns, que tempo atrás eles mesmos se viñan a chamar coa curiosa denominación de O Sanedrín (o nome do tribunal que condenou a Cristo a morte), reúnense nunha comellada tódolos veráns, segundo eles comentaban, na pescuda de solucións para os problemas de Ferrol.

Nesta panda de mareantes (dito no senso de paseantes) inclúense  empresarios, políticos, marinos almirantes e algún xuíz e médico, entre outra curiosa fauna de persoeiros locais. Ante a sorpresa que estaban a  inspirar co seu apelativo de Reunión do Sanedrín, este ano anunciaron na prensa local, foto incluída, a súa reunión do verán como a Comida dos Almirantes. Non sei si estamos diante dunha coñerada ou unha fachenda.

2 Unha nova librería. Tamén lin na prensa a crónica da inauguración da librería (¿ de libro vello, antigo, de ocasión, usado, de lance ?), que o descendente dun “legendario” libreiro de Ferrol inaugurou nesta cidade. Aínda que non estiven presente, chegoume dabondo a lectura da crónica dunha brillante colaboradora de Galicia Ártabra, especialista en asuntos culturais de Ferrol e os seus arredores, para coñecer os fastos e infaustos da devandita inauguración.

 

 

 

 

Lea también

Sabores ártabros-Un cocido en tres horas y cuarenta minutos, más o menos

José Perales Garat Pues ya llegó el frío, sí… ¡Vaya si llegó!: Por una serie …