Últimos días para participar no concurso de humor gráfico «Curuxa do humor»

premios curuxaO vindeiro 15 de setembro pecha o prazo de presentación de orixinais para o concurso de humor gráfico «Curuxa do humor 2015» que organiza o Museo do Humor do Concello de Fene. O certame contempla dúas categorías: «Curuxa» para maiores de 25 anos e «Curuxa Nova» para artistas de ata 25 anos. Námbolos dous casos, deben ser residentes no estado español. Dende a Concellería de Cultura de Fene anímase  aos debuxantes a participar neste certame que ten como finalidade premiar aos mellores humoristas gráficos do momento e no que se repartirán ata 5.000€ en premios.

Segundo se establece nas Bases, os/as participantes poderán presentar un só debuxo, de temática libre e en calquera das modalidade do humor gráfico: mudo, texto ilustrado (en lingua galega), viñeta, etc.  En calquera caso, deberán ser debuxos orixinais, de creación propia e inéditos, non admitíndose fotocopias, copias dixitais ou grabados. Ademais, deberán estar feitos en cartolina e en formato A3.

Os traballos a concurso poderán presentarse ata as 14.00 horas do martes 15 de setembro de 2015 no Rexistro Xeral do Concello de Fene (Avda. do Concello, s/n, 15500 Fene, A Coruña). Os debuxos enviaranse en paquete/sobre/tubo sen remite e facendo constar no exterior «Para o concurso do humor gráfico Curuxa’2015», amais da categoría na que concursa.

No interior, a obra presentarase baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre independente, pechado, e en cuxo exterior conste: Concurxo de humor gráfico «Curuxa do humor 2015», a categoría na que concursa (CURUXA ou CURUXA NOVA), o título da obra e un lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior (plica) incluirase unha copia do DNI, enderezo, teléfonos de contacto, correo electrónico, breve currículo, declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal. Asemade neste mesmo sobre terán que achegar certificado de titularidade da conta na que, de recibir algún dos premios regulados nas bases, se fará efectivo o pagamento. No caso que haxa algún concursante menor de 18 anos, deberá achegar copia do DNI do pai/nai ou titor/a legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso.

Premios e Xurado

Os premios que o Concello de Fene contempla para esta 18ª edición do concurso de humor gráfico «Curuxa» son os seguintes:

·  Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)

1º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma

2º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma

·  Categoría CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)

1º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma

2º Premio, dotado con 500 euros e diploma

O xurado do premio, nomeado polo Concello de Fene, estará presidido polo alcalde de Fene, formando parte do mesmo a concelleira de Cultura e  tres humoristas ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene. O fallo do xurado terá lugar no último trimestre de 2015 e darase a coñecer a través da páxina web fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación. Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor.

Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na web municipal www.fenecidadan.gal

Lea también

El presentador de “Órbita Laika”, Eduardo Sáenz de Cabezón, imparte una conferencia en Ferrol

La conferencia “Á nosa imaxe e semellanza. Unha viaxe ao cerebro da máquina” invitado por la Cátedra …